NOVAS

O Concello abre o prazo de inscrición no espectáculo infantil O galo Quirico e os seus amigos e inicia unha nova edición de Trocolibro

Publicado o 09 de Abril de 2019

O Concello abriu o prazo de inscrición, a través do Servizo de Normalización Lingüística, para asistir ao espectáculo O galo Quirico e os seus amigos, de Viravolta Títeres.

A cita terá lugar o vindeiro xoves, día 11, a partir das 18.00 horas no centro cívico social do Couto e as persoas interesadas en asistir poden anotarse escribindo ao correo electrónico a.pita@naron.es, facilitando no mail o nome da actividade, o do pai, nai ou persoa acompañante e o do neno ou nena e a súa idade, así como un teléfono de contacto. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que esta proposta se dirixe a menores a partir de dous anos e as súas familias, podendo asistir un máximo de trinta menores, acompañados dun adulto.

A edil naronesa avanzou que os espectadores terán un papel moi activo neste espectáculo, no que os números de marionetas tradicionais cobrarán especial protagonismo. A música e o baile centran a posta en escena do conto O galo Quirico, cunha versión popular que inspira á publicada por Bernardino Graña. Con música do acordeonista Carlos Quintá e marionetas e teatro de cartón levarase a cabo este formato de espectáculo recuperado pola compañía para esta ocasión.

A participación será por estrita orde de inscrición e o prazo para anotarse remata o vindeiro xoves, día 11, tal e como recordou Taibo, que animou ás familias da cidade a inscribirse nesta proposta coa que desfrutar en familia do espectáculo.

Así mesmo, a edil de Ensino e Bibliotecas recordou que esta semana, ata o día 13, desenvólvese na planta baixa da Biblioteca municipal unha nova edición de Trocolibro. Nunha mesa instalada para a ocasión colocáronse varios libros que se poden levar –un como máximo por persoa- deixando ou non outro a cambio, tal e como indicou. O Trocolibro estará operativo no horario de apertura da Biblioteca municipal, de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.