O Concello abre hoxe o prazo de inscrición nun obradoiro de Música e Técnica vocal para a xuventude.
O edil responsable da área de Mocidade, Pablo Mauriz, explicou que as sesións se dirixen a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, se ben terán preferencia aqueles que estean empadroados en Narón. En total hai 50 prazas e o custe do obradoiro é de 8,15 euros ao mes, a tarifa estipulada pola ordenanza reguladora da taxa polos servizos prestados polo Servizo Sociocomunitario.
O obradoiro deberá contar cun mínimo de dez participantes para poder iniciarse. Entre os contidos que se abordarán están: a respiración, a proxección do son, rutina de quecemento vocal, cantar en grupo con distintas harmonías, diferenciación de estilos e a súa técnica, vocalización e dicción, técnicas de relaxación e exercicios de técnica vocal especializados en diferentes métodos. As clases impartiranse entre o vindeiro mes de outubro e xuño de 2020 no Auditorio municipal de Narón, os sábados entre as 13.00 e as 14.00 horas.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e as solicitudes deben presentarse na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro municipal ou a través de calquera outro dos lugares establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Para recibir máis información pódese chamar ao Servizo Sociocomunitario Municipal, ao número de teléfono: 981 337 700 (extensións: 1111, 1108 e 1109).