NOVAS

O Concello abre o próximo luns o prazo de inscrición no campamento municipal Narón Mocidade Activa Nadal

Publicado o 30 de Novembro de 2018

A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida anunciou a próxima apertura, o próximo luns día 3 de decembro, do prazo de inscrición no campamento municipal Narón Mocidade Activa Nadal.

A edil avanzou que esta convocatoria se celebrará os días 22, 26, 27 e 28 de decembro nas instalacións da Casa da Mocidade, na Gándara, en horario de 10.00 a 14.00. Poderán participar un máximo de vinte mozas e mozos, que deben estar empadroados en Narón e ter entre 13 e 16 anos, tal e como explicou Hermida. 

As persoas que acudan a este campamento municipal realizarán actividades como Robótica educativa; un obradoiro de iniciación ao manexo de drons, elaboración dun grafite na Casa da Mocidade, dinámicas de grupo e actividades deportivas, asistirán a accións informativas sobre sexualidade e preventivas sobre xogos de azar e novas tecnoloxías. “Narón Mocidade Activa Nadal ofrece ás mozas e mozos da cidade un programa moi completo e no que abordarán diferentes temas de interese, adaptados á súa idade e que poderán realizar coincidindo co período de vacacións de Nadal”, apuntou Hermida. A concelleira destacou que este tipo de iniciativas “permiten ao mesmo tempo que os participantes descubran outras alternativas de ocio nas que ocupar o seu tempo libre”.

As solicitudes poderán entregarse ata o vindeiro 18 de decembro, debendo presentalas preferentemente no Rexistro do Concello –de luns a venres de 8.30 a 13.30- ou a través dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, empregando o formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Narón. Naqueles casos nos que as solicitudes se envíen por correo certificado é preciso que se comunique ao Servizo Sociocomunitario Municipal o día seguinte ao de rematar o prazo de solicitude enviando un correo electrónico á dirección: sociocomunitario@naron.es, adxuntando a solicitude selada e o xustificante de data e hora da imposición do envío na oficina de Correos.

A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías recordou que é preciso un grupo mínimo de dez persoas para poder realizar esta actividade e indicou que as prazas se adxudicarán directamente se cubren a demanda ou por sorteo no caso de que a demanda supere á oferta. O sorteo celebraríase o día 20 de decembro ás 12.00 horas no Concello, ante o secretario Xeral.

Natalia Hermida animou aos mozos e mozas que cumpran os requisitos da idade e empadroamento a anotarse no campamento Narón Mocidade Activa Nadal “para aproveitar unha parte das vacacións navideñas ampliando coñecementos sobre materias de moito interese e actualidade e divertirse con outros mozos e mozas da súa idade”.