A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura mañá ás 8.30 horas e ata o 12 de decembro (incluído) ás 13.30 o prazo de inscrición na actividade municipal Informática Divertida (INDI) dirixida a rapazas e rapaces de 8 a 12 anos empadroados en Narón.
As sesións terán lugar na Aula Cemit de Xuvia do 23 de decembro ao 5 de xaneiro de luns a venres e tamén hai a posiblidade de facelo nos centros cívicos sociais das parroquias do rural. Os menores que asistan aprenderán a programar con Minecraft, Star Wars e Frozen, deseñar tarxetas de Nadal e a realizar un cómic dixital.
Hermida explicou que na Aula Cemit de Xuvia haberá dúas quendas, unha de mañá, de 10.30 a 13.30 e outra de tarde, entre as 16.00 e as 19.00 horas e avanzou que en cada unha das edicións hai un total de doce prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. É obrigatorio que no momento de cubrir a instancia se indique a prioridade na quenda, de mañá ou de tarde.
As solicitudes para as sesións que terán lugar na Aula Cemit de Xuvia deberán presentarse –cubrindo tamén un anexo- a través da Sede Electrónica de Narón –onde se pode consultar toda a información no apartado de actividades- ou de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica. O listado de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na web do Concello. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1502 e 1123).