O Concello de Narón convoca un novo curso do Plan Municipal de Formación.
A concelleira responsable da área, Natalia Hermida, explicou que se trata dunha acción formativa de Xardinería e poda para a que se abrirá mañá, día 20, o prazo de inscrición. Os destinatarios deste curso son persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón e as solicitudes poden presentarse no Rexistro do Concello –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas-, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para inscribirse, tal e como indicou a edil, rematará o 27 deste mes ás 13.00 horas, cubríndose as prazas por rigorosa orde de inscrición.
A maiores de Prevención de riscos laborais aplicados á profesión na convocatoria tamén se abordarán contidos como: Principais tipos de especies vexetais empregadas en xardinería, Preparación do terreo, labores, manexo e operacións, Instalación e mantemento de xardíns, Tipos, técnicas e procedementos de poda, Equipos e maquinaria empregados nos traballos de poda e Execución de traballos en altura nas árbores, entre outros.
O curso, indicou a edil, consta dun total de 271 horas, cunha parte teórica que se impartirá nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e outra práctica nas instalacións ou fincas que se determinen para a realización das mesmas. As clases comezarán o 4 de outubro e rematarán o 20 de decembro. O horario previsto das mesmas é de luns a venres de 9.00 a 14.00, se ben algúns días este horario podería variar por mor da realización de visitas didácticas, charlas…
As persoas interesadas en recibir máis información poden facelo a través da páxina web do Concello –www.naron.es- da Sede Electrónica ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello –no primeiro andar ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1123, 2602, 1120 e 1107).