A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron esta mañá os actos programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca, que se celebrará o vindeiro día 19.
Ao longo deste mes, tal e como avanzou Ferreiro, sucederanse varias actividades na Biblioteca central e nas Axencias de Lectura municipais da Gándara e A Solaina, propostas ás que a alcaldesa convidou a asistir ás veciñas e veciños “xa que se trata dunha oferta moi variada e da que poderán gozar tanto os nenos e nenas como as persoas adultas nun día no que apostamos por sacar á rúa este servizo”.
O vindeiro 19 de outubro, indicou Ferreiro, celebrarase na Praza de Galicia o Día Internacional da Biblioteca con varios actos, pechando as instalacións localizadas na rúa 25 de Xullo e ofrecendo todos os servizos –agás o de préstamo- na citada praza, donde se instalará unha carpa para a ocasión que permanecerá aberta de 11.00 a 14.00 e dende as 17.00 ata as 20.00 horas. Alí poderán consultarse algunhas publicacións e tamén se poderá participar en varios obradoiros centrados na temática da protección do medio ambiente. Ás 12.00 horas terá lugar un contacontos dirixido a bebés, “O xogo de Nano”, a cargo de Raquel Queizás, e ás 13.00 horas dará comezo outro obradoiro, neste caso infantil, “Estrafalaria”, protagonizado por Atenea García. Pola tarde a música reabrirá a programación, cun concertó a cargo de A Banda do Garaxe (formación da Agrupación Cultural Musical Sementeira), ás 17.00 horas, no que os integrantes desta formación, mozas e mozos de Narón e doutros concellos da comarca, interpretarán un amplo repertorio. Finalmente, ás 18.00 horas comezará un obradoiro de ilustración dirixido a persoas de tódalas idades, a cargo de Babaluva. Todas as propostas son de balde, según indicou a alcaldesa, e non é preciso inscribirse previamente para poder asistir.
Así mesmo, no que respecta a o resto de actividades programadas, a concelleira de Bibliotecas explicou que entre o luns 21 e o sábado 26 na Biblioteca municipal desenvolverase o Trocolibro, unha proposta que permitirá intercambiar libros e outros materiais que se colocarán nunha mesa disposta para tal fin na planta baixa das instalacións. As persoas que o desexen terán a oportunidade, no horario de apertura da Biblioteca municipal, de levar algún dos documentos desa mesa do Trocolibro, independentemente de que deixen ou non material a cambio. O requisito é que cada persoa done ou leve como máximo un exemplar.
O xoves día 24 realizaranse visitas guiadas polo edificio da Biblioteca, entre as 11.00 e as 12.00 horas para o público adulto e dende as 18.00 ata as 19.00 horas para o familiar. “Os usuarios e usuarias das instalacións terán a oportunidade durante esta xornada de coñecer espazos aos que non teñen acceso habitualmente e alí recibirán explicacións sobre as diferentes tarefas que realiza o persoal da Biblioteca”, explicou Taibo. A edil naronesa apuntou ademáis que nos espazos de libre acceso ofreceranse tamén explicacións sobre as nocións básicas de organización do fondo e das normas de uso e explicaranse os servizos que se ofrecen nas instalacións.
Finamente, entre a programación deseñada na Biblioteca municipal terá lugar tamén o contacontos “Miña terra, meu lar”, o sábado día 26 ás 11.00 horas. Caxoto Contacontos protagonizará este espectáculo, dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos e no que se fará un alegato a favor do coidado do planeta.
En canto ao resto da programación do Día Internacional da Biblioteca, Taibo avanzou que na Axencia de Lectura municipal da Gándara haberá un concerto de Xoán Curiel, “Pobre poesía”, o día 18 ás 20.00 horas e dirixido a público xuvenil e adulto. Curiel presentará un repertorio no que pon música a mulleres poetas, principalmente galegas pero tamén algunhas italianas, brasileiras ou portuguesas. O día 21 ás 17.00 horas, tamén na Axencia de Lectura municipal da Gándara, presentarase o novo servizo de xogos de mesa, que estarán clasificados por idades e que do que se poderá gozar no horario de apertura das instalacións.
Na Axencia de Lectura municipal e Ludoteca da Solaina tamén se programaron varias actividades. Os días 14 e 21 deste mes, de 18.00 a 19.00 horas, haberá un obradoiro de construción de xogos e xoguetes con material de refugallo para nenas e nenos de 7 a 12 anos e que se realizará novamente os días 15 e 22, no mesmo horario, para menores de 3 a 6 anos. Así mesmo, o día 17 os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán participar, de 17.00 a 18.00 horas, na elaboración dun mural sobre medio ambiente e o día 23 ás 17.00 proxectarase unha película ou documental relacionado coa protección do medio ambiente e a ecoloxía, unha proposta tamén para menores de 3 a 12 anos.
Documento | Tamaño |
---|---|
Cartaz Día Internacional da Biblioteca.pdf | 194.17 KB |