A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, presentaron esta mañá xunto coa xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, os actos cos que se conmemorará o Día mundial da Auga na cidade.
Con motivo desta data organizouse un ano máis en Odeón unha xornada adicada aos rapaces e rapazas que se desenvolverá entre as 18.00 e as 20.00 horas. Para participar tan só será preciso dirixirse á plazoleta central na que terá lugar a actividade e facilitar uns datos para poder realizar as diferentes propostas, tal e como se indicou desde a organización.
Científicos de “Ciencia Divertida” encargaranse de organizar un completo circuíto de actividades dirixidas ao colectivo, todas elas vencelladas coa auga. “Os rapaces e rapazas terán a oportunidade de adquirir unha serie de coñecementos e, ao mesmo tempo, realizar experimentos científicos moi divertidos, adaptados ás súas idades e que espertarán a súa curiosidade pola ciencia”, avanzou Ferreiro. A alcaldesa da cidade e a xerente de Odeón convidaron aos rapaces e rapazas a participar nesta actividade, de balde e na que se lles entregará como agasallo unha botella reutilizable.
Cristina Imaz destacou tamén que ao tempo que se trata dunha actividade lúdica “estes experimentos axudan a concienciar sobre a importancia da auga no planeta e a tamén importancia de que a coidemos”.
“¡Coidaddo! Non potable” é o título do primeiro experimento, relacionado coa química e no que se amosará a necesidade de potabilizar a auga e tamén de economizar o seu consumo. Así mesmo, haberá unha segunda proposta, de carácter físico, “¡Coidado! Desxeo”, na que se amosarán as consecuencias do quentamento global e a contaminación. Finalmente, os asistentes terán a oportunidade de comprobar en primeira persoa que o corpo humán é un “circuíto divertido”. Para iso axudaranse do xerador de electricidade estática Van de Graff para experimentar unha serie de reaccións que lles explicarán os científicos de “Ciencia Divertida”. Os rapaces e rapazas realizarán o circuíto de experimentos en grupos durante un tempo aproximado de vinte minutos.
Ferreiro destacou a importancia de “concienciar á poboación en xeral e, en particular con esta actividade aos nenos e nenas, sobre a necesidade de facer un uso responsable e racional da auga”.