NOVAS

O Concello fixo entrega dos diplomas de accións formativas do Programa de desenvolvemento integral do colectivo xitano

Publicado o 15 de Xuño de 2017

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Acción Social, Catalina García, entregaron o pasado 14 de xuño no Concello os diplomas a 36 alumnas e alumnos de accións formativas en Autoemprego e para a obtención de ESA e Competencias Clave

Estas sesións enmárcanse no Programa de desenvolvemento integral do colectivo xitano, cofinanciado no municipio pola Dirección Xeral de Inclusión Social, da Consellería de Política Social, o Concello de Narón e o Fondo Social Europeo no período 2015-2017. No mesmo programa inclúense accións sobre:

  • Habilidades Sociais: con edicións en San Mateo e San Xiao.
  • Apoio educativo.
  • Pautas hixiénicas na busca de emprego.
  • E Pautas vivenciais na busca de emprego.

Accións que en total suman 188 horas de formación.

Ao acto de entrega dos diplomas asistiron tamén representantes de Acción Familiar Ferrol, entidade coa que o Concello ten un convenio de colaboración que inclúe o desenvolvemento deste programa. O alcalde e a edil de Acción Social felicitaron aos alumnos e alumnas que hoxe recibiron os diplomas, por finalizar con éxito as diferentes accións formativas, e tamén os animaron a continuar formándose de cara a mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. No caso das accións formativas para a obtención do título de Educación Secundaria de Adultos e de Competencias clave, remataron con éxito na primeira convocatoria á que se presentaron dúas persoas e outras dúas finalizaron as asignaturas que lles faltaban.

O programa permitiu tamén realizar unha intervención individualizada a 59 persoas a través de itinerarios laborais personalizados.

No acto celebrado esta mañá no Concello tamén se apostou por recoñecer a labor que desenvolveron un total de dez proxenitores, pola súa implicación nas tarefas de apoio educativo dos seus nenos e nenas durante o tempo no que se materializou o programa e ao tempo que se formaban eles mesmos para a busca dun emprego.