NOVAS

O Concello, mediante Medidores de Altura, informa ós escolares como deben ir posicionados nos automóbiles

Publicado o 12 de Maio de 2014

O Concello de Narón, a través do Equipo de Educación Vial, vén de instalar Medidores de Altura

 en tódolos colexios de Educación Infantil e Primaria de Narón (14 en total, contando os centros públicos, os concertados e os colexios rurais agrupados). Ademais, tense instalado outro medidor na propia Casa Consistorial.

Trátase dun panel informativo de metacrilato, no que os  nenos/as poderán medirse e informarse sobre onde e como teñen que ir sentados nos automóbiles. Tamén poderán usalos as nais e pais, para que saiban en todo momento que tipo de sistema de retención infantil é o máis axeitado para os seus fillos/as.

A instalación destes dispositivos forma parte dunha campaña informativa posta en marcha dende a Concellería de Seguridade Cidadá de Narón, dirixida polo edil Guillermo Sánchez Fojo, que ten como obxectivo a redución dos accidentes de tráfico. Outras accións que contempla esta campaña son o desenvolvemento dunha serie de Charlas informativas, sobre as modificacións da Lei de Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Vial (lei que entrará en vigor o vindeiro 9 de maio) . Estas conferencias están dirixidas a tódalas persoas que desexen participar (nais, pais, avós, familiares…) e nas mesmas informarase sobre as modificacións desta lei que afectan á vida diaria nas estradas, coma a obriga de levar no vehículo o sistema de retención infantil axeitado para cada pasaxeiro infantil. Tamén se ofrecerán Charlas dirixidas á 3ª Idade nas que se detallarán as Normas e consellos para camiñar con seguridade.

De maneira paralela, a Policía Local ten iniciado unha campaña de sensibilización dirixida ós peóns a través do reparto dun decálogo de “Normas xerais para a circulación de peóns pola vía pública” en diferentes puntos da Estrada de Castela.