NOVAS

O Concello ofrece ás entidades da zona rural achegarse ás Novas Tecnoloxías a través do curso Cemit “Usando as novas tecnoloxías”

Publicado o 17 de Febreiro de 2020

O curso nace coa pretensión de achegar a escena das novas tecnoloxías ao panorama rural.

As persoas interesadas en realizar o curso “Usando as novas tecnoloxías”, do programa Cemit e que se convoca dende o Concello na zona rural dispoñen ata o 21 de febreiro para anotarse –de balde- nos locais sociais de Castro, Doso, Sedes, O Val, San Mateo, San Xiao e no da Sociedade Cultural “A Pombiña”, de Pedroso, onde se impartirán. Así o anunciou a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que avanzou que as sesións se impartirán dende principios de marzo ata finais de xuño e serán de dous días á semana, cunha hora e media de clase cada día.  

Hermida indicou que se formarán grupos de dez persoas por cada entidade e que é preciso contar cun mínimo de oito para poder realizalos. Continuación da informática básica, redes sociais, manexo eficiente de móbiles e as súas utilidades e o Whatshapp son as áreas que se abordarán neste curso, que ten un total de 50 horas de duración.

“Trátase dunha nova actividade para achegar as novas tecnoloxías da información á zona rural, ofrecendo ás veciñas e veciños das parroquias a posibilidade de realizar tamén accións formativas no seu entorno, evitándolles desprazamentos”, apuntou Hermida. A edila naronesa animou á veciñanza a achegarse aos locais sociais donde se impartirán, así como á Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, no caso de Pedroso, para solicitar calquera tipo de información sobre este curso e, no caso de consideralo oportuno, anotarse no mesmo para formarse no uso das novas tecnoloxías.