Un total de vinte e un establecementos de hostalería da cidade participarán a partir de mañá, e ata o vindeiro 6 de marzo, na sétima edición do Concurso de Tapas de Entroido 2019.
Os locais servirán coas consumicións diferentes tapas, de balde, elaboradas con produtos típicos do Entroido, doces e salgadas, en función da súa elección e, como mínimo, entre as 13.00 e as 15.00 horas. O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño, animou á veciñanza da cidade e doutros concellos a degustar nos establecementos estas tapas, donde terán a maiores a oportunidade de gañar unha das cinco ceas para dúas persoas que se sortearán entre a clientela que puntúe as elaboracións do certame.
Os establecementos Australian, Nueva Orleáns, El Colonial, Gastrobar Mamá Flora, Índalo, Romero II, Parrillada do Couto, Casa Sindo, Gastrobar Piñeiros, Mesón O Pío, Silver 200 Monjes, La Barra de Oro, O Paseo, La Factoría, Café Bar Ronsel 2, 3 Pés e Café Bar España son os locais da zona urbana que participan no concurso. Na zona rural as tapas de Entroido poderán degustarse nos locais Romero I, O Conxuro, Restaurante A Roldana e Restaurante A Trasanquesa. Pódense consultar as tapas que se servirán en cada establecemento a través do seguinte enlace: http://www.naron.es/web/docs/Diptico_entroido.pdf.
As tapas elaboradas para o certame optarán a catro premios, que concederá a clientela ao puntualas –do 1 ao 5- e depositando o voto na urna que atopará nos establecementos participantes. Na modalidade de votación popular haberá un premio de 250 euros para a Tapa Creativa e outros 250 para a Tapa de Entroido, e na votación polo xurado –que estára composto por un membro do Concello, un crítico gastronómico e un cociñeiro- o premio será de 400 euros para cada unha das dúas variedades de tapas. Os establecementos premiados levarán ademais un diploma acreditativo.