O pasado 19 de Outubro o Pleno do Consello Escolar Municipal acordou solicitar á Consellería de Educación a adopción dunha serie de medidas para manter a calidade do ensino.
Estas peticións e inquedanzas da comunidade educativa escolar de Narón foron trasladadas dende o Concello á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, de quen dependen as competencias nesta materia.
Pero, que é eso do Consello Escolar Municipal? Para aqueles e aquelas que non teñades claro que é o Consello Escolar Municipal sabede que é o órgano de consulta e participación daquelas partes ás que lles afecta a programación da ensinanza non universitaria e a planificación nos centros educativos pertencentes ao noso concello.
As medidas plantexadas por este órgano teñen a finalidade de mellorar a educación da mocidade e foron as seguintes:
- que se teña en conta o número de alumnos e alumnas que pasan por encima da ratio á hora de atender solicitudes de profesorado de apoio por parte dos centros;
- que se baixe a ratio en Infantil e Primaria cando haxa alumnado con necesidades educativas, para garantizar que se lles poida adicar a atención necesaria e que a súa educación sexa de calidade;
- que se teña en conta o alumnado que repite na ratio, xa que hai aulas en cursos de fin de ciclo de máis de 25 alumnos e alumnas;
- que á hora de aceptar a solicitude dun coidador se teña en conta as necesidades especiíficas do alumnado e non só o seu número;
- que con aqueles alumnos e alumnas con problemas de conduta no ensino obrigatorio se poida dar unha escolarización compartida;
- á hora de cubrir postos docentes de PT e AL deberanse ter en conta os informes dos Departamentos de Orientación.
Ademais o Consello Escolar Municipal aprobou esixirlle á Consellería de Educación que se manteña ao persoal coidador a tempo completo no CEIP A Solaina, e que se diversifique a incorporación do alumnado con necesidades educativas especiais noutros centros da zona educativa dotando a estes centros dos apoios necesarioa para atendelos.
Estas demandas foron presentadas por escrito na Xunta de Galicia.