A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o alclade José Manuel Blanco visitaron o campo de traballo de Narón.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o alclade José Manuel Blanco visitaron o campo de traballo de Narón.
A Xunta ofertou un total de 8.000 prazas destinadas á mocidade en accións de mobilidade en 2010.
Mato indicou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha un proxecto propio de mobilidade: ‘Xuventude no Mundo’ e explicou que é a cuarta rexión con maior número de proxectos aprobados no marco de ‘Xuventude en Acción’, que xa beneficiou a 1.000 persoas tamben destacou a importancia de poñer en marcha campos de traballo e campamentos dirixidos á mocidade, xa que explicou que os valores que nestas iniciativas se transmiten axudan aos participantes a adquirir “novas habilidades e coñecementos”.
A titular do departamento autonómico indicou, así,- no transcurso da visita que realizou ao campo de traballo de Narón- que, entre outros valores, estas actuacións proporcionan “un enriquecemento cultural e formativo” aos mozos e mozas.
“A aposta da Xunta polos campamentos e campos de traballo, enmarcada nas nosas políticas de xuventude, ten que ser entendida como unha oportunidade para que a mocidade galega amplíe horizontes e gañe habilidades dento das vías non formais”, apuntou.
Nesta aposta do Goberno galego por esta iniciativa, a Consellería de Traballo e Benestar ofertou este verán un total de 260 prazas en campos de traballo que se desenvolveron ou se están a realizar na actualidade, como é o caso de Narón. Ademais, a esta cifra súmanse os 400 mozos e mozas que se beneficiaron de programas de intercambio noutras comunidades.
No campo de traballo de Narón, especializado en ornitoloxía, están a participar un total de 16 voluntarios. O obxectivo principal da actuación é que os mozos e mozas aprendan os procesos migratorios das aves ou a coñecer os censos de especies acuáticas, entre outros.
No eido da mobilidade, a conselleira resaltou que a Estratexia para a Xuventude 2010-2013 inclúe numerosas accións destinadas á mobilidade xuvenil ou ao intercambio de experiencias culturais.
Campos de Traballo
As 260 prazas ofertadas pola Xunta en campos de traballo este verán están distribuídas en 11 quendas e sete campos de traballo distintos, o que supón aumentar en 40 as prazas dispoñibles con respecto ao ano anterior. Estas prazas van dirixidas a mozos e mozas galegos, doutras comunidades autónomas e, cando o campo de traballo é internacional, para a mocidade de países estranxeiros.
As actividades comezaron en xullo coa celebración do campo de traballo de Cabana de Bergantiños. En agosto están a ter lugar en distintas quendas un total de dez campos de traballo, ademais de en Narón, nas Illas Cíes; en Rois (A Coruña); Palas de Rei (Lugo); Vilar de Barrio (Ourense) e Ourense.
Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ofertou prazas á mocidade galega en campos de traballo doutras comunidades autónomas, en concreto, da Rioxa, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Ceuta, Estremadura, Madrid, Melilla, Navarra, País Vasco e Valencia.
Ofertáronse tamén prazas en campos de traballo de 19 países: Alemaña, Armenia, Austria, Corea do Sur, Estonia, Francia, Grecia, Islandia, Italia, Lituania, Marrocos, México, República Checa, Rusia, Serbia, Taiwan, Turquía, Ucraína e Xapón.