NOVAS

O IES As Telleiras organizará a 26ª edición do Certame Intercentros do Concello de Narón

Publicado o 19 de Maio de 2014

O IES As Telleiras organizará o vindeiro ano a 26ª edición do Certame Intercentros do Concello de Narón, cuxa 25ª edición, organizada polo CEIP Ponte de Xuvia, clausurouse o pasado día 16 de maio cunha gala celebrada no Auditorio Municipal da Praza de Galicia.

A participación aproximada de alumnado neste certame roldou os 2.000 escolares de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, dos centros públicos de Narón.

Foron dez as distintas categorías premiadas:

  • Murais
  • Conto e conto ilustrado
  • Poesía
  • Narrativa
  • Cómic
  • Teatro escrito
  • Audiovisual
  • Reportaxe xornalística
  • Expresión oral
  • Canción en galego

 

Logo da entrega de galardóns, o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco tomou a palabra para agradecer ós participantes o seu esforzo e entusiasmo á  hora de fomentar o uso da lingua galega. O rexedor lembrou que este certame “ten como finalidade a celebración do Día das Letras Galegas, exaltando a nosa lingua, fomentando a súa normalización e dinamización, e amosando a nosa cultura e a nosa realidade”.

Nesta 25ª edición, o Alcalde de Narón quixo realizar un recoñecemento público a dúas persoas relacionadas co ámbito educativo de Narón, que teñen participado dende a primeira edición do Certame Intercentros (no ano 1989) ata hoxe: Braulio Rodríguez Zas (naquel momento director do CEIP A Gándara e actual profesor do IES Terra de Trasancos) e Juan Arribas Rodríguez (tamén antigo mestre do CEIP A Gándara, e actual secretario do CEIP Ponte de Xuvia).