NOVAS

O Padroado da Cultura convoca para esta noite unha nova sesión de cine no Centro Cívico Social de San Xiao

Publicado o 12 de Xullo de 2018

O Centro Cívico Social de San Xiao acollerá esta noite, a partir das 22.15 horas, unha nova sesión do ciclo de cine organizado polo Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Deputación da Coruña.

Pérez, o ratiño dos teus soños é o filme que se poderá ver hoxe, unha coproducción galega na que o público poderá desfrutar das aventuras do ratiño Pérez, por veces un pouco complicadas. As sesións, dirixidas ao público familiar, son de balde, tal e como recordou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada.

Este programa continuará, indicou, –no mesmo horario, a partir das 22.15- nas xornadas do 19 e o 26 deste mes, cando se poderán ver as películas El Desconocido (no Centro Cívico Social de San Mateo) e Os Pitufos (na Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, en Pedroso), respectivamente.

Este ciclo de cine, enmarcado na programación de Feliz Narón Verán 2018 incluíu unha proxección máis, a da película A tropa de Trapo, que se puido ver o pasado día 5 de xullo na parroquia do Val.