O local social da Picota, na parroquia do Couto, acolle ata o vindeiro 2 de decembro os espectáculos que conforman a décima edición da Mostra de Teatro Amador, un total de catro. O Padroado da Cultura de Narón e a AVV do Couto organizan esta convocatoria cultural, cuxa entrada é de balde e que teñen lugar durante catro domingos a partir das 18.30 horas, tal e como indicou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada.
A segunda das representacións deste ciclo terá lugar o vindeiro domingo, 18 de novembro, turno da representación da obra “…Suspendemos?”, do grupo Teatro do Asteleiro. Nesta ocasión será Luis Ramos a persoa encargada de dirixir aos actores e actrices desta obra, de creación colectiva e dirixida a maiores de 12 anos.
O día 25 de novembro porase en escena a peza “Onde vai o meu nome?”, do grupo da Escola de Teatro de Narón, escrita e dirixida por Pablo Sánchez e Flor Maceiras e pensada para todo tipo de públicos. Finalmente, será o Grupo Municipal de Teatro de Ribeira o encargado de pechar esta X Mostra de Teatro Amador, coa obra Cousas, que dirixe Óscar Romero e que parte da obra de Castelao.
Algo pasa con Paco, do grupo Sangue de Dragón –da Asociación Teatral naronesa O Aturuxo de Melpómene- inaugurou o pasado domingo este ciclo teatral na parroquia, ao que desde o Concello se convida a asistir a toda a veciñanza da cidade e doutros municipios.