NOVAS

O Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa celebrarán esta fin de semana os Maios en Piñeiros

Publicado o 09 de Maio de 2016

O Concello de Narón e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, organizan un ano máis un completo programa de actos para celebrar a festividade dos Maios na localidade, que este ano chega á súa décimo novena edición

A vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro, e o presidente de AreosaBruno Díaz, presentaron a convocatoria, que inclúe diferentes actividades, que culminarán esta fin de semana no Centro Cívico Social de Piñeiros.

 

  1. O sábado día 14 de maio de 2016 ás 17.00 horas concentraranse no adro da igrexa de Piñeiros os Maios que participarán neste evento, entre eles os da entidade veciñal Virxe de Fátima, de Freixeiro; de Areosa; da Asociación Semente de Trasancos; do Obradoiro de Construción de Instrumentos do Padroado da Cultura e da Fundación Terra de Trasancos.

 

A comitiva sairá desde a igrexa ata o Centro Cívico de Piñeiros ás 17.30 horas para dar comezo a recepción dos Maios no pavillón de Piñeiros ás 17.40. Ás 18.00 actuarán os grupos do Padroado da Cultura de Narón no exterior do polideportivo; no interior elaborarase un mosaico floral no que participan nenos e nenas da localidade, e tamén terá lugar a Mostra dos Maios elaborados nos centros escolares da localidade (poderá visitarse o domingo día 15, de 11.00 a 20.00 horas no polideportivo de Piñeiros).

A concelleira de Cultura recordou que este venres, día 13, rematará o “Obradoiro de arte floral” iniciado a mediados do pasado mes de abril a instancias do Padroado da Cultura e a asociación Areosa no local social de Piñeiros. Nestas convocatorias ensinouse aos asistentes a elaborar diferentes tipos de ornamentación empregando varias especies florais. 

A programación do Concello inclúe tamén, como en anos anteriores, a “Unidade Didáctica dos Maios”, na que participan un milleiro de alumnos e alumnas de educación Infantil e Primaria de colexios de Narón. Escolares do CPR Ayala, do CRA de Narón, dos CEIP Virxe do MarPonte de Xuvia e A Solaina e do CPI do Feale o CPR Santiago Apóstol participaron nesta actividade durante as horas lectivas.

Os nenos e nenas aprenderon a elaborar Maios, traballos que permanecerán expostos esta fin de semana en Piñeiros. “Trátase dunha actividade didáctica pensada para os escolares do municipio, co obxectivo de que coñezan o que é un Maio e tamén a tradición que teñen este tipo de ornamentacións florais na nosa comunidade”, explicou Marián Ferreiro.

A concelleira de Cultura e o presidente de Areosa animaron á veciñanza a acudir á celebración dos MaiosFerreiro agradeceu a colaboración dos centros de ensino, asociacións veciñais e particulares que se implican nesta convocatoria, valorando particularmente o traballo de Areosa

Este ano a celebración dos Maios alcanza a súa décimo novena edición na localidade, unha data que conmemoraremos un ano máis contando coa implicación da veciñanza de Narón, que contribúe a manter máis viva que nunca esta tradición pensada para exaltar a natureza e coa súa orixe nunha festa característica da época primaveral en Galicia”, explicou a concelleira de Cultura.