NOVAS

O Padroado da Cultura mantén aberto o prazo de matrícula nas Escolas Culturais Municipais

Publicado o 04 de Setembro de 2020

O persoal docente comunicará a cada grupo os protocolos para o desenvolvemento das aulas

O Padroado da Cultura mantén aberto ata o vindeiro 25 de setembro o prazo de inscrición nas Escolas Culturais Municipais. As matrículas poden tramitarse nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e tamén os sábados de 10.00 a 13.00. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 391 144 ou escribir un correo electrónico á seguinte dirección: d.canovas@naron.es. Atendendo ás recomendacións da Consellería de Sanidade, solicítase que preferentemente se realice o pago da matrícula mediante tarxeta bancaria.

As Escolas Tradicionais ofertan clases de Danza tradicionalCanto e pandeireta (a partir de 5 anos); Gaita, Percusión tradicional (a partir de 6 anos); Acordeón, Zanfona (dende os 8 anos); Construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e O Recuncho dos Pequechos (de 3 a 4 anos). A maiores, nas Escolas Artísticas hai as opcións de Debuxo (a partir de 6 anos) e Teatro (a partir de 4 anos) e  na Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum. Outra das modalidades das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura é Bailes de salón (a partir de 4 anos).

O Padroado da Cultura priorizará en todo momento o cumprimento de todas as medidas de seguridade e prevención establecidas polas autoridades competentes, tanto na organización dos grupos de traballo de cada escola como na programación das actividades, o que implicará a adaptación de espazos, horarios e número de alumnas e alumnos por grupo. O persoal docente encargarase de comunicar a cada grupo no primeiro día da actividade os protocolos para o desenvolvemento das aulas e materias programadas en cada escola e nivel, así como os de realización de ensaios e actuacións dos grupos artísticos do Padroado. O cumprimento desas medidas é obrigatorio para o alumnado e persoal vencellado ás actividades das Escolas Culturais Municipais, tal e como se indicou.

Así mesmo, as persoas que non poidan acudir nos días e horas que se lles asignen en función da organización requerida poderán solicitar a devolución do importe da matrícula ata o 30 de outubro.