NOVAS

O Pazo da Cultura acollerá o día 4 de outubro un Festival Solidario para recadar cartos destinados ao Centro de Recursos Solidarios de Narón

Publicado o 02 de Outubro de 2015

A convocatoria comezará ás 18.00 horas e os asistentes deberán abonar cinco euros pola entrada que se destinarán ás citadas instalacións, con sede no municipio naronés.

A concelleira de Acción Social, Catalina García, presentou hoxe xunto con José Manuel González, do Centro de Recursos Solidarios de Narón; Carlos Noche, de Los Zares; Mónica Carral, de Zin´s Sensations; Fausto Escrigas, do Grupo Magenta e Laura Toimil, psicóloga colaboradora da asociación Dignidad, o Festival Solidario que terá lugar este domindo, 4 de outubro, no Pazo da Cultura de Narón.

A convocatoria comezará ás 18.00 horas e os asistentes deberán abonar cinco euros pola entrada que se destinarán ás citadas instalacións, con sede no municipio naronés.

A edil naronesa explicou que o programa de actos previsto para a xornada comezará cunha sesión de zumba a cargo de Zin´s Sensations e continuará coas actuacións de Los Zares, con Sito Sedes; La Promesa e o Grupo Magenta.

Entre os dous primeiros actos e ao final proxectarase un video de cinco minutos no que se dará a coñecer a historia destas instalacións desde que se proxectaron na localidade, a finais de 2008.

O acto inclúe unha entrega dun diploma en recoñecemento a unha das entidades colaboradoras, a modo de Premio Solidario, que entregará a primeira tenente de alcalde de Narón e Concelleira de Cultura, Marián Ferreiro.

As persoas que queiran realizar unha donación ao Centro de Recursos Solidarios de Narón poden tamén facelo a través da Fila 0: ES95 0238 8158 060600070448.

A edil de Acción Social e o representante do Centro de Recursos Solidarios de Narón agradeceron a colaboración de diferentes entidades e persoas colaboradoras, se ben José Manuel González destacou tamén a axuda do Concello, por ceder as instalacións do Pazo da Cultura para este acto.

Catalina García animou á veciñanza a sumarse a este novo acto solidario cuxo fin é recadar diñeiro “para axudar ás familias de Narón e da comarca que peor o están pasando debido a esta crise económica e que nos piden roupa e productos de alimentación e hixiene a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón”, asegurando que “desde o Concello seguiremos traballando para tratar de cubrir as necesidades máis básicas de todas aquelas persoas que soliciten a nosa axuda”.