A Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE) entregará ao Concello de Narón o Premio ao Compromiso coa Seguridade Vial e a Mobilidade Sostible pola campaña “Aprende pedaleando”.
Esta campaña foi desenvolvida polo equipo de Educación Viaria de Narón con preto de dous mil alumnas e alumnos dunha decena de centros escolares da cidade. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, valorou a concesión deste premio, na que foi a primeira edición dos Premios Fundación CNAE e avanzou que representantes da corporación local se desprazarán o vindeiro mes de marzo a Madrid para recoller o galardón. O edil estivo acompañado na rolda de prensa polo equipo de Educación Viaria de Narón, formado por Pedro Caneiro, Simón Cabarcos e Sonia López.
Este é o terceiro premio que recibe o Concello a nivel nacional, despois dos concedidos pola plataforma Atresmedia a través da campaña “Ponle Freno”, na modalidade “Junior” no ano 2010, conxuntamente co colexio A Solaina polo pintado dun circuíto de educación viaria no centro, e outro en 2014 pola “Mellor Acción de Seguridade Viaria”.
“Como concelleiro de Seguridade Cidadá e de Transporte e para o Concello de Narón, é toda unha satisfacción a concesión deste novo premio, despois de máis de dez anos traballando desde esta administración en materia de Seguridade Vial”, destacou. Sánchez Fojo agradeceu o traballo do equipo de Educación Viaria de Narón pola súa implicación nas diversas actividades programadas nesta área ao longo do ano con diferentes colectivos e tamén do xurado que acordou a concesión deste premio “a un Concello de 40.000 habitantes no que apostamos por educar aos nenos e nenas desde pequenos en Seguridade Viaria”.
O proxecto “Aprende pedaleando” ten entre os seus obxectivos, indicou Sánchez Fojo, “promover a educación viaria no entorno escolar a través do uso da bicicleta, como medio de ensino fóra das aulas para os rapaces e rapazas”.
En representación do Equipo de Educación Viaria, Simón Cabarcos destacou o traballo realizado en materia de “mobilidade e prevención en medios de transporte sostible” e asegurou que “buscamos seguir avanzando neste camiño, no que recuperamos tamén un espazo das rúas para os nenos e nenas”. Pola súa parte, Sonia López, resumiu parte das iniciativas desenvolvidas no ano 2015, a través das que xurdiu a posibilidade de presentarse a este premio e asegurou que a concesión do mesmo anima aos integrantes deste equipo a seguir traballando nesta liña.
Finalmente, Pedro Caneiro agradeceu a participación dos docentes, nenos e nenas, Anpas, empresas e de todos aqueles colectivos que colaboraron para poder desenvolver esta actividade.
O xurado que concedeu o premio reuniuse o pasado mes de novembro en Madrid para avaliar as candidaturas e emitir o seu fallo e estivo presidido por José Blas, vicepresidente da CNAE. Foron tamén galardoados nesta edición Industrias del Neumático SA, co Premio á Innovación en Seguridade Vial e Mobilidade Sostible, por facer un gardarraís de caucho a base de neumáticos reciclados, e RTVE co Premio á Mellor Labor Divulgativa, polo seu programa “Seguridade Vial”.
Finalmente, Sánchez Fojo incidiu na aposta do Concello en materia de Educación Viaria recordando que nos vindeiros meses se desenvolverán os programas:
- “Camiño Escolar Seguro”: Con rutas para que os nenos e nenas vaian a pé aos colexios.
- “Bica e arrinca”: Delimitando un espazo para que os pais e nais despidan aos nenos e nenas no centro e a habilitación de estacionamentos disuasorios para evitar problemas ás horas de entrada e saída dos colexios.