NOVAS

Obradoiros de Enerxía Solar nas prazas de Narón

Publicado o 26 de Maio de 2014

O Concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e a Concelleira de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada, presentaron o pasado xoves 22 en rolda de prensa os Obradoiros de Enerxía Solar, que se levarán a cabo nas prazas de Narón, dentro do Programa de Educación Ambiental que se ofrece ós centros educativos do municipio.

Trátase dunha serie de talleres que se desenvolverán na Praza de Galicia, a Praza da Gándara e o Paseo Marítimo de Xuvia, e nos que participarán alumnos/as de 1º e 2º de ESO (ata un máximo de 50 escolares por grupo).

O calendario do Obradoiro de Enerxía Solar será o seguinte:

Martes 27 de maio

  • Centro educativo: CPR Santiago Apóstol - CPR Ayala
  • Lugar: Praza da Gándara

 

Xoves 29 de maio

  • Centro educativo: CPI O Feal - CPR Jorge Juan
  • Lugar: Paseo Marítimo de Xuvia

 

Xoves 5 de xuño

  • Centro educativo: IES As Telleiras
  • Lugar: Praza de Galicia

 

(Estas datas poderían sufrir modificacións por circunstancias metereolóxicas adversas, dado que é unha actividade ó aire libre e non pode chover para podela realizar)

Os obradoiros realizaranse en horario escolar, entre as 10:30 e as 13:30 horas, tendo cada sesión unha duración aproximada de 1 hora.

Nesta actividade tratarase de promover o uso da enerxía solar como recurso inesgotable e sostible, a través das seguintes experiencias:

  • Obradoiro de cociña solar.
  • Obradoiro “xogando coa electricidade”.
  • Instalación dun equipo solar térmico.
  • Pinta-Sol e pirógrafo solar.
  • Chapa conmemorativa.
  • Obradoiro de cerámica con pasta fimo.

 

A organización e xestión do programa corre a cargo do Concello de Narón, en colaboración coa Asociación cultural e ambiental Os Picos do Sol, que se encargará de impartir estes obradoiros. Para iso, dispón dun furgón cunha instalación mixta solar, minieólica e bici-xenerador de 1.000 watios, ferramenta, máquinas e enxenios. Tamén conta con tres carpas de diferentes tamaños equipadas con cociñas e fornos solares, un equipo solar fotovoltaico, outro minieólico, un triciclo solar, un scalextri solar e unha colección de 15 inxenios solares.

Os Obradoiros de Enerxía Solar serán impartidos por 5 monitores especializados na materia. O Concello poñerá a disposición dos centros educativos participantes os autobuses para facilitar o transporte do alumnado. Está prevista a asistencia aproximada de 295 escolares de Narón.

Dende a Concellería de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada reiterou a vontade do Concello de dotar a tódolos colexios do municipio do maior número de recursos educativos posibles, e de unir esforzos entre concellerías para poder levar a cabo iniciativas coma esta.