Outono Xove 2023
Por terceiro ano consecutivo, a Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición de Outono Xove, un programa de educación non formal durante o outono con actividades formativas e de lecer para a mocidade galega durante os meses de novembro e decembro.
Trátase dunha actuación da Xunta de Galicia co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables.
O programa Outono Xove 2023 está dirixido a mozos e mozas empadroados en Galicia que teñan entre 14 e 30 anos no momento de asistencia á quenda para a que se presenta a solicitude. Os grupos de participación dividiranse en dous tramos de idade: de 14 a 17 anos e de 18 a 30 anos.
As actividades comezarán a partir do 3 de novembro.
Ofértanse 900 prazas nos 8 programas que conforman a actividade, cun máximo de 20 prazas en cada unha das opcións e fins de semana.
A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove, sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada, aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo. As persoas participantes aboarán, nestes casos, 18,75 euros.
O desprazamento ata as instalacións onde se vai desenvolver o programa vai por conta das persoas que participan, tanto o día de incorporación como o día do remate da actividade.
MOI IMPORTANTE: O prazo de inscrición comezará o día 27 de outubro ás 10.00 horas e será mediante formulario en liña. No formulario só se poderá elixir unha quenda. As prazas asignaranse por estrita orde de chegada dos formularios.