NOVAS

Pablo e Jose: emprendendo sobre rodas en Narón

Publicado o 24 de Febreiro de 2014

Pablo e Jose son uns rapaces que converiron o seu deporte favorito na súa forma de gañarse a vida.

Hai xente con iniciativa, que en tempos difíciles emprende aventuras que non sabe onde o van levar. Estes rapaces son dese tipo de xente. Estivemos falando con Pablo...queredes saber que nos contou?

Ola Pablo, como vai? Cóntanos un pouco que é eso de "Sobre Rodas"? Como comezou a vosa aventura emprendedora?

Pablo: A nosa aventura comezámola 3 compañeiros : Pablo, Jose e Borja. Traballamos todos no mesmo sitio (Decathlon Ferrol) e a raiz dunha actividade organizada pola empresa decidimos empezar a dar clases de patinaxe. Xuntamos 300 euros entre os tres para darnos de alta en autónomos e alugar un pavillón e así empezou todo.

Como foron os vosos inicios? 

Pablo: Ao principio tiñamos 16 alumnos no pavillón de Santa Mariña (Ferrol) entre adultos e nenos. Pero ao longo do verán a matrícula non parou de aumentar. Tanto, que en Setembro tomamos a decisión de aumentar a oferta de horarios e alugamos tamén o pavillón de Piñeiros.

Parece que Narón e as súas instalacións cobraron pouco a pouco protagonismo na vosa historia...

Pablo: A verdade é que si. Durante estas datas tamén participamos no X Encontro Local de Mocidade do Concello de Narón, ao tempo que establecimos un convenio con Decathlon Ferrol para dar cursos gratuitos de patinaxe en liña para os clientes. Á vez que faciamos todo isto, comezamos a ofertar a nosa actividade en centro educativos de Narón onde a acollida tamén foi moi boa. Dende xaneiro deste ano comezamos a traballar coa empresa SEDEGA tutorizando varios grupos de colexios en Ferrol e colaborando na escola municipal de Fene.

Cantos alumn@s ten Sobre Rodas?

Pablo: Actualmente contamos con máis de 200 alumnos de toda a bisbarra.

Case nada...vaia éxito! Pero non vos quedades aí, ti e Jose, decidides medrar un pouco máis e diversificar as vosas actividades, non si?

Pablo: A raíz de toda esta colaboración con Sedega animámonos a falar co coordinador de deportes (Miguel) para intentar chegar a un acordo sobre un proxecto de escola municipal. Rapidamente concertounos unha cita con Natalia, Concelleira de Mocidade e Deporte. Tivemos varias reunión nas que lle explicamos o que queriamos facer. A estas reunións sumouse o Xefe do Servizo Sociocomunitario Alfonso Filgueira. E comezamos a falar sobre a idea e as posibilidades de diversificar os servizos que ofreciamos, non limitarnos ao patinaxe. Aproveitar a nosa experiencia e formación dunha forma máis eficaz.

E de aí xurde tamén a idea de crear unha asociación, que é o que esperades aportar con esa asociación á mocidade naronesa?

Pablo: Si, foi a consecuencia destas xuntanzas. Delas naceu a idea da creación dunha asociacion xuvenil. Con esta asociación o que pretendemos é servir de referente para a xente nova do Concello de Narón. Realizar actividades que lles gusten e os motiven, como poden ser o skate, roller, novas tecnoloxías, deseño ou a moda; asesoralos e orientalos dunha forma máis directa , servir de guía para a creación doutras asociacións.... En resumo, dinamizar a programación destinada á mocidade no Concello. Para axudarnos cos temas legais da asociación poidemos contar coa inestimable axuda de Anxela, unha das asesoras do Concello de Narón. Agora mesmo estamos ultimando os detalles dos estatutos para poder realizar toda a actividade que temos pensado facer.

Pero non vos quedades só nesto, querede máis, verdade?

Pablo: Claro, paralelamente tamén xurdíu a posibilidade de colaborar na organización do Día da Mocidade. Esto xa como emprendedores. A verdade é que está sendo unha experiencia moi enriquecedora. Cada día aprendemos algo novo e estamos tendo a posibilidade de enfrentarnos e superar cousas que non fixeramos antes. O contacto co concello e directo e frecuente. Prácticamente visitamos a Mame todos os días en busca de guía e consello .

Cal é a vosa aportación ao Día da Mocidade?

Pablo: A nosa aportación consiste na organización da loxística e actividades. Requeríu a presentación dun proxecto, de documentación e dun presuposto. Presuposto que nós temos que adiantar. É unha oportunidade incrible, pero temos que facelo ben, porque se a nosa xestión non é boa... Vamos, niso preferimos non pensar, xa que de momento todo vai ben.

Como mozo emprendedor, diríxete á mocidade do Concello de Narón...

Pablo: Dicirlles que aínda estamos empezando, que non sabemos moi ben en que acabará todo isto. Moito ánimo a toda a xente nova que queira emprender alguna aventura! Nós temos todos titulacións que, nun principio, parece que non tiñan moita relación pero mira... Comezando cunha escola de patinaxe, pouco a pouco estamos conseguindo facer o que nos gusta, e obter un beneficio. Pequeno si, pero da moita satisfacción crear algo propio e máis nos tempos que corren! Por suposto que non dubiden en ir, contactar ou asesorarse no Concello. Estamos realmente sorprendidos co receptivos que foron con nós. Cando crees en algo e xenial poder contarllo a unha institución e sentir que te escoitan!

Moitas grazas Pablo por compartir a vosa historia con nós! Moita sorte! Vémonos rodando na rúa!