NOVAS

Para os máis peques da casa: Obradoiros de Educación Alimentaria

Publicado o 28 de Xullo de 2014

A Concellería de Ensino de Narón, dirixida pola edil Mª del Carmen Espada, convoca dúas quendas dos seus "Obradoiros de Educación Alimentaria" na Biblioteca do Alto e na Ludoteca da Solaina.

 Estas dúas quendas estableceranse por franxa de idades: de 3 a 6 anos e de 7 a 12 anos.

Cada un destes Obradoiros de Educación Alimentaria ten unha duración de 4 días, dividido en sesións de 50 minutos. Os participantes deberán inscribirse previamente nos lugares onde se desenvolve, e ofrécense un total de 15 prazas por grupo. O calendario de datas e sitios é o seguinte:

  • Ludoteca Municipal de A Solaina: do 21 ó 28 de xullo
  • Biblioteca Municipal do Alto: do 6 ó 11 de agosto

 

Programa de actividades dirixido a nenos/as de 3 a 6 anos:

  • Lavado de mans
  • Froitas e verduras (ensinarase a coñecelas, e fomentarase o consumo de 3 a 5 pezas diarias)
  • Os 5 grupos de alimentos no meu prato (para coñecer a importancia de comer variado)
  • O almorzo e ¡lava os dentes! (elaborarase un almorzo equilibrado e despois compartirase. Ademáis, falarase da importancia de lavar os dentes despois de cada comida para prevenir a caries derivada do consumo de azucre)

 

Programa de actividades dirixido a nenos/as de 7 a 12 anos:

  • Lavado de mans
  • Hixiene alimentaria na cociña (os microbios perxudiciais poden transmitirse a través da comida, e hai que saber cómo evitalos)
  • Os 5 grupos de alimentos no meu prato (ensinarase a facer pratos equilibrados que conteñan todos)
  • Impacto azucarado e pasapalabra alimentario (falarase dos efectos negativos do azucre na dieta, e comprobarase a cantidade de azucre que teñen as bebidas refrescantes, a bollería industrial e a comida precociñada).

 

Por que se convocan estes obradoiros? O programa de educación alimentaria xurde da necesidade de educar e concienciar ós nen@s acerca da importancia de seguir unha dieta equilibrada e variada, e de adquirir hábitos saudables. En cada sesión abórdanse contidos e actividades relacionadas coa nutrición, a hixiene, a seguridade alimentaria e o consumo.

Durante o curso escolar 2013/2014 o alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros de ensino de Narón xa recibiron esta formación, así como pais e nais participantes na Escola de Familia do CEIP de A Gándara.