NOVAS

Programa de promoción das cooperativas xuvenís

Publicado o 17 de Xullo de 2015

Novas subvencións da Consellería de Traballo para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo!

Este programa de subvencións está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e de traballadores e traballadoras con carácter temporal como socios e socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

Programa de fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J)

Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de socios e socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

Programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica (procedemento TR807D)

Este programa de subvencións está dirixido a fomentar o cooperativismo e a economía social, concedendo subvencións que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto de nova creación como xerados polas cooperativas e sociedades laborais existentes.

Programa de promoción das cooperativas xuvenís (procedemento TR807E)

Este programa de subvencións está dirixido a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación de cooperativas xuvenís mediante subvencións para financiar os custos derivados do lanzamento da actividade.

 

Quen poderá beneficiarse destes programas?

As cooperativas xuvenís de nova creación formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade poderán acollerse ás subvencións para o financiamento de custos previstos neste programa por unha soa vez.

Que se considera como cooperativa de nova creación?

Consideraranse como cooperativa de nova creación aquelas que non superen os dous anos de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, da alta no censo de persoas obrigadas tributarias do Ministerio de Economía e Facenda, ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Obxecto e contía das subvencións

Poderá concederse unha subvención directa para financiar parcialmente os gastos correntes derivados do inicio da actividade ata un importe máximo do 75 % do seu custo, excluídos impostos. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos correntes:

  1. Arrendamento e mantemento de locais, instalacións, maquinaria e elementos de transporte.
  2. Materias primas, embalaxes, envases e outros aprovisionamentos necesarios para a produción, agás os que sexan obxecto de simple comercialización.
  3. Elaboración de material publicitario funxible e anuncios publicitarios nos medios de comunicación.
  4. Seguros, gastos financeiros e bancarios.
  5. Enerxía, comunicacións e transportes.
  6. Material de oficina.
  7. Consumibles para equipamentos informáticos e maquinaria
  8. Mantemento de equipamentos e sistemas para as tecnoloxías da información e as comunicacións, de páxinas web e de sistemas telemáticos de xestión e para o comercio electrónico.
  9. Roupa de traballo e material funxible para a prevención de riscos laborais.

O importe máximo desta subvención será de 15.000 € por cooperativa beneficiaria. 

Como podemos solicitar a participación nestes programas? As solicitudes poden presentarse por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es co código TR807E.

Cal é o prazo de inscrición? O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 17 de agosto de 2015.

Precisades máis información? Máis información no DOG do 16 de xullo de 2015 e en http://traballo.xunta.es/