NOVAS

Programa “Informática Divertida”: case 70 rapazas e rapaces participarán nesta actividade do Nadal

Publicado o 20 de Decembro de 2016

Un total de 68 mozas e mozos do concello participarán desde este xoves, día 22, e até o 30 de decembro no programa municipal educativo INDI –Informática Divertida- organizado pola Concellería de Mocidade, Formación e Novas Tecnoloxías de Narón que dirixe Natalia Hermida.

A acción formativa, que está dirixida a rapazas e rapaces de entre 7 e 15 anos, desenvolverase en cinco localizacións diferentes, catro da zona rural e a outra na aula Cemit situada no edificio do antigo Concello, e terá unha duración total de 35 horas. A través dela, as persoas inscritas traballarán, desde unha perspectiva lúdica, varios aspectos vencellados coa informática, entre os que destacan a iniciación á programación de videoxogos, a creación de blogs para usuarias e usuarios en idade infantil e xuvenil ou a elaboración de cómics en formato dixital.

A impartición do curso variará en función do lugar elixido. Así, tanto en Castro (11 rapazas e rapaces inscritos), como no Val (10), Pedroso (12) e San Mateo (outros 10) a actividade principiará ás 09.00 horas e prolongarase até as 14.00 horas. No caso da aula Cemit, establecéronse dúas quendas, unha de mañá (no mesmo horario) e outra de tarde (de 15.30 a 20.30 horas, na que participarán, respectivamente, 15 e 10 nenos e nenas.

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, subliñou que o obxectivo da actividade é “que as rapaces e rapaces se introduzan no eido das novas tecnoloxías dun xeito ameno e divertido” e salientou, asimesmo, que permitirá non só contribuír á conciliación da vida familiar e laboral das familias, senón tamén a achegar os recursos informáticos “a todas as zonas do noso municipio”.