Arrinca unha nova convocatoria do programa Iniciativa Xove.
Este programa consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2016, e nos cales a mocidade sexa a verdadeira protagonista, participando activamente no deseño, na planificación e na realización das actividades.
A finalidade
A súa finalidade é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural. Tamén promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
As áreas de atención prioritarias que se han desenvolver mediante as iniciativas xuvenís son as seguintes:
- Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
- Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
- Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
- Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
- Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
- Proxectos que contribúan á conservación do medio ambiente e posta en valor do patrimonio natural.
A quen vai dirixido?
- Os grupos informais de mozos/as que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.
- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presentan non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.
Que requisitos hai que cumprir?
- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, e un/unha deles/as asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Así mesmo, será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.
Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 euros.
Cal é o prazo de presentación de solicitudes?
- O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 4 de abril de 2016.
Onde tramitalo?
- Nesta dirección web: https://sede.xunta.es/ no procedemento BS306B.
Máis información?
- DOG do 3 de marzo de 2016 que podes descargar ao pé desta nova.
Documento | Tamaño |
---|---|
AnuncioG0425-240216-0001_gl.pdf | 990.43 KB |