O Concello de Narón ten aberto ata o 9 de outubro o prazo de inscrición no programa Promedex 6. Este programa é unha iniciativa para a xente nova, os escolares do concello, e as familias.
Cales son os obxectivos deste programa? Favorecer o desenvolvemento de actividades que proporcionen formación e que axuden a aproveitar mellor o tempo extraescolar.
Se estades interesados/as en participar tedes que formalizar a inscrición no Rexistro Municipal do Concello.
Cal é o seu prezo? O prezo é de 8,15 € por mes e usuario, excepto "Reforzatic", un obradoiro de reforzo educativo a través do emprego de Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e as Escolas de Familia, nas que paga un só integrante.
A oferta de “Promedex 6” inclúe:
Obradoiros para educación Primaria e Infantil
- "Xogolinguas”, dirixido a alumnos e alumnas de Infantil e de primeiro e segundo curso de Primaria, e cuxo obxectivo é inicialos en coñecementos de lingua inglesa, francesa e alemana.
- “Reforzatic” e “Xogo Popular”, para alumnos de Primaria e que forman aos asistentes, a través do xogo, en diferentes modalidades de deporte alternativo, contribuíndo así á recuperación das tradicións.
A iniciativa contempla tres modalidades específicas para alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato.
- ESO: Obradoiros de “Xogo Popular”
- ESO e Bacharelato: “Arte e Cultura Urbana”, para manexarse en técnicas como o graffiti como medio de expresión; e os de “Canción xuvenil”, para adentrar á mocidade na música coral
“Promedex 6” ofrece obradoiros para adultos, no marco das “Escolas de familia”, de disciplina positiva e coaching familiar. Nestas sesións pedagóxicas abórdanse temas como o desenvolvemento emocional, o control do estrés, a resolución de conflitos, bulling e acoso escolar, etc.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, subliñou a importancia destas convocatorias tanto para os alumnos e alumnas dos centros escolares de Narón como para as súas familias, en canto que “permiten participar ao longo do ano en diferentes actividades segundo as necesidades de cada familia e contribuír á completar a súa formación en horario extraescolar”.
A edil naronesa apuntou que os obradoiros teñen un límite de prazas, de entre dez e quince persoas, dependendo da modalidade elixida.