NOVAS

A selección de España de fútbol sala firmará autógrafos este venres no Odeón

Publicado o 28 de Xullo de 2016

Queres un autógrafo de Sergio Lozano? (Cal é o teu xogador favorito?) Pois temos unha boa nova...

Os xogadores da selección española de fútbol sala estarán este venres, día 29, nas instalacións do Centro Comercial e de Ocio Dolce Vita Odeón para firmar autógrafos. Así o avanzou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que indicou que os afeccionados poderán ver aos integrantes do equipo a partir das 13.00 horas, cando dará comezo a citada firma de autógrafos.

Así mesmo, tamén na xornada do venres e ás 13.00 horas, o Concello de Narón acollerá unha recepción institucional ás seleccións nacionais de fútbol sala de España e Exipto, que presidirá o alcalde, José Manuel Blanco, e á que asistirán representantes das directivas de ambas seleccións, ademais do concelleiro de Deportes, Román Romero, entre outros.

Aínda non tes as túas entradas? As entradas para ver o partido que a selección de España disputará coa de Exipto este venres, a partir das 21.30 horas no pavillón polideportivo da Gándara, poden adquirirse de xeito anticipado no citado pavillón (en horario de 10.00 a 13.00) ou na delegación ferrolá da Federación Galega de Futbol, na rúa Venezuela, en Ferrol.

Cal é o seu prezo? O prezo é de 10 euros para adultos e de 5 euros para menores de doce anos. Olliño, non o deixes para última hora!! O aforo das instalacións deportivas nas que se disputará o partido, preparatorio para o Mundial de Colombia, está limitado a mil persoas.

  1. Como curiosidade...sabías que en Narón temos unha xogadora internacional nesta disciplina deportiva? Chámase Lidia Mesías e aínda está en activo, queres coñecela máis? Repasa a nosa revista número 9!