NOVAS

Subvencións para Entidades Locais e de Acción Voluntaria 2016.

Publicado o 31 de Marzo de 2016

Estas subvencións permitirán a execución de 160 proxectos de voluntariado en 2016 con 800 persoas implicadas. Queres ser ti unha delas?

Como novidade máis destacable temos a posibilidade de que se presenten persoas voluntarias que xa colaboraran en anteriores anos, podendo repetir a súa participación nos proxectos que se leven a cabo neste ano e que se desenvolverán entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro.

O pasado día 28 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de marzo de 2016 na que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Que é o programa Servizo de Voluntariado Xuvenil? É un programa de educación non formal pioneiro en toda España, inspirado no Servizo Europeo de Voluntariado.

En que consiste? O programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia a mozos e mozas galegos de entre 16 e 30 anos para a súa colaboración como voluntarios na realización dos proxectos das entidades.

  1. Prioridades: As áreas prioritarias son as vinculadas co Camiño de Santiago; actividades de recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; actividades con colectivos en situación de risco; actividades xuvenís; actividades ambientais; actividades relacionadas coa igualdade de xénero; e posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
  2. Quen se pode beneficiar? As entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
  3. Son as únicas? Non, tamén poderán solicitar axudas aquelas entidades non inscritas que, na data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Requisitos

  • O número máximo de mozos e mozas voluntarios por proxecto é de 8, a non ser en caso dunha agrupación de municipios, en cuxo caso pode haber ata 20 voluntarios. Ao finalizar os proxectos, a súa participación será recoñecida pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nun certificado de experiencias voluntarias, que será depositado no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Máis información

  1. Formulario: http://www.xunta.es/formularios/generarPlantillaPDF?conselleria=BS&procedimiento=320A&version=0.0&idioma=gl_ES
  2. Descarga a orde: http://dameuntoke.es/sites/default/files/0-2683-d-AnuncioG0425-140316-0002_gl[1].pdf