NOVAS

“Territorio de Emprego 2015-2016”: aberto o prazo de inscrición

Publicado o 22 de Xullo de 2015

Sigue aberto o prazo para inscribirse en "Territorio de Emprego 2015-2016", o programa para persoas desempregadas de Narón do que vos falamos hai uns días.

A Concellería de Formación de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, informa a todas as persoas interesadas en participar no programa de inserción laboral “Territorio de Emprego 2015-2016”,  que  deben persoarse antes de finais deste mes de xullo na oficina do Servizo Público de Emprego da avenida de Vigo, en Ferrol, e indicar que queren participar  no mesmo, a través do código 930.

Esta iniciativa vai dirixida a persoas desempregadas, está subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar. O noso Concello participa na mesma mediante a Mancomunidade de Municipios da Ría de Ferrol a través dos Programas Integrados para o Emprego 2015-2016. 

Neste programa participan tamén os Concellos de Cedeira e Valdoviño. En total, vanse beneficiar 62 persoas:

  • 47 empadroadas en Narón
  • 8 en Valdoviño
  • 7 en Cedeira

O número de prazas concédese atendendo a datos de poboación dos tres municipios.

O custe total deste programa ascende a 73.621,62 euros, dos que a Xunta aportará 64.787,03 e os Consistorios 8.834,58, correspondéndolle ao Concello de Narón 6.671,18; ao de Valdoviño un total de 1.088,22 e ao de Cedeira 1.075,19 euros.

Que inclúe o programa? O programa inclúe:

  1. Xornadas teóricas
  2. Prácticas en empresas con convenio
  3. Orientación individualizada e grupal

Cando comeza? "Territorio de Emprego 2015-2016" comeza o 1 de setembro e rematará o 31 de agosto de 2016.

No caso de Narón desenvolveranse –as sesións teóricas- na nave de formación municipal Irmás Froilaz, na Gándara.

Os gastos de desprazamento? As persoas que finalmente resulten seleccionadas para o programa cobrarán os gastos de desprazamento por día de asistencia, establecéndose unha cuota de entre tres e sete euros por cada xornada en función da distancia do seu domicilio ao centro formativo.

A quen vai dirixido?

  • Persoas desempregadas: con discapacidade, en risco de exclusión social ou mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero
  • Menores de 30 anos con baixa cualificación
  • Persoas que perciben prestacións, subsidios por desemprego ou Renda Activa de Inserción
  • Perosas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional (Prepara)
  • Mulleres

Cal é a finalidade deste programa? A finalidade deste programa é mellorar a inserción laboral das persoas desempregadas. 

Que tipo de formación se inclúe?

  • Formación transversal: cursos de hixiene alimentaria, básico de prevención de riscos laborais, etc.
  • Formación específica para que os participantes adquiran as competencias profesionais necesarias para desempeñar un posto de traballo en diferentes sectores. 

Un total de 68 persoas que participaron nas convocatorias deste programa correspondentes aos anos 2013-2014 e 2014-2015 atoparon un posto de traballo tras finalizar os cursos.

A concelleira de Formación destacou o feito de que o programa de inserción laboral “Territorio de Emprego 2015-2016” mellora considerablemente a empregabilidade dos participantes, e incidiu no “bo resultado das edicións anteriores, nas que se rexistrou unha porcentaxe importante de inserción”. Natalia Hermida asegurou que para que o resultado final sexa exitoso “é moi importante a motivación de todas as persoas que participan”.

Entre os anos 2009 e 2014 leváronse a cabo no Concello de Narón un total de 270 proxectos emprendedores. Así mesmo, indicar que o Servizo de Información, Orientación e Busca de Emprego do Concello de Narón atendeu a 3.436 persoas nese mesmo período.