NOVAS

Últimas prazas para inscribirse nos obradoiros da Escola de Música Moderna e para solicitar o uso das Aulas de Ensaio

Publicado o 23 de Xaneiro de 2023

As persoas de entre 12 e 30 anos que desexen inscribirse nos obradoiros da Escola de Música Moderna ou solicitar o uso das Aulas de Ensaio da Casa da Mocidade poden aínda facelo, ao quedar algunhas prazas dispoñibles en determinados horarios.

Así o indicou o concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, que animou ás rapazas e rapaces da cidade a facer uso destas instalacións municipais ubicadas na Gándara.
En canto á Escola de Música Moderna queda unha vacante nas clases de iniciación de Batería para os luns e xoves de 20.30 a 21.30 e outra para perfeccionamento os venres de 16.00 a 18.00 horas. No caso de guitarra, no primeiro nivel hai dúas prazas para o luns e mércores de 16.00 a 17.00, outras dúas para eses mesmos días de 17.00 a 18.00 e unha para os luns de 19.30 a 20.30 e outra para o martes de 20.30 a 21.30 horas. 
Finalmente, para o uso das Aulas de Ensaio pódense tramitar inscricións para os martes de 16.00 a 19.00 ou os venres de 18.30 a 21.30 horas.
Os obradoiros diríxense a mozas e mozos empadroados en e as prazas das Aulas de Ensaio son para grupos musicais con alomenos unha persoa empadroada en Narón.
As inscricións poden tramitarse a través da Sede Electrónica de Narón, do Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A taxa é de 8,15 euros ao mes no caso dos obradoiros e desa mesma contía por persoa ao mes no das Aulas de Ensaio, tal e como se recolle na ordenanza fiscal número 15, do Servizo Sociocomunitario.
Para obter máis información pódese consultar a Sede Electrónica de Narón ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, primeiro andar do Concello, ao correo electrónico omix@naron.es, ou chamar ao número de  teléfono 981 337 700 (extensións 1111/1108/1109).