NOVAS

Últimos días para inscribirse na primeira edición da Carreira 7-14-21 Cidade de Narón

Publicado o 30 de Outubro de 2018

As persoas interesadas en participar na primeira edición da Carreira 7-14-21 Cidade de Narón, que terá lugar o vindeiro domingo, día 4, poden aínda inscribirse a través da páxina web: https://www.carreirasgalegas.com/ ata o xoves, día 1 de novembro, ás 23.59 horas.

O Concello de Narón organiza este evento deportivo, enmarcado no programa 100.000 Motivos de Peso, e baixo o control da Federación Galega de Atletismo. O concelleiro de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a participar neste evento “deportivo pero tamén cun marcado carácter solidario a través deste programa no que están implicados centos de veciñas e veciños da nosa cidade”.

O punto de partida e de chegada estableceuse na Praza de Galicia e os primeiros en saír, farano ás 11.00 horas. Os participantes correrán por un circuíto urbán de sete quilómetros, ao que se poderán dar entre unha e tres voltas (de aí o nome da carreira, 7-14-21). En cada volta, antes de  chegar á liña de meta, serán os propios corredores –poderán estar homologados ou non- os que decidirán se dan unha, dúas ou tres voltas ao tramo, en función da súa idade.

Establecéronse un total de nove categorías: Pitufos, Escolares (1 e 2), Sub 18, Sénior, Máster (A, B e C) e unha específica para discapacitados/as en cadeira de rodas e Handbike. Tanto os corredores como as persoas que participen na modalidade de camiñata recibirán unha camiseta conmemorativa e tamén se entregarán medallas e trofeos, en función das categorías, aos mellor clasificados.

   
Documento Tamaño
Cartel.pdf 213.04 KB