O Concello mantén aberto o prazo ata o 4 de xullo para inscribirse no campamento “Summer Camp Narón 2022”, dirixido a menores nados entre 2005 e 2009.
O edil de Mocidade, Pablo Mauriz, informou que aínda quedan algunhas vacantes, das vinte prazas habilitadas, e recordou que se trata dunha proposta de balde na que os menores realizarán diferentes actividades relacionadas coa cultura urbana e o deporte alternativo.
O “Summer Camp Narón 2022” levarase a cabo do 11 ao 16 de xullo na Casa da Mocidade, na Gándara, contemplándose tamén algunhas actividades nos concellos de Neda, Valdoviño e Viveiro (Lugo). As actividades impartiranse en horario de mañá, de 10.00 a 14.00, se ben o día 15 está programada unha saída a Viveiro, ao parque de aventuras Rock Park, co que se ampliará o horario de 10.00 a 17.00 horas. As rapazas e rapaces participarán en diferentes obradoidos, de surf en Valdoviño, de DJ, danza urbana, tunaxe de roupa… e realizarán tamén unha ruta polo río Belelle, en Neda, etc.
As solicitudes poden presentarse ata o 4 de xullo ás 13.00 horas a través da Sede Electrónica de Narón, o Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón. As persoas interesadas en recibir máis información sobre este campamento poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1111).