NOVAS

Un Don Juan Tenorio posto en escena por mulleres: casting

Publicado o 03 de Xullo de 2015

Queres ser actriz? Estás estudanto para conseguir o teu sono? Temos unha información que che pode resultar interesante!

Mañá sábado 4 de xullo realizarase un casting no Teatro Colón de A Coruña para escoller ás actrices. Esta iniciativa trátase dunha acción formativa enfocada a actrices amateurs ou en período de aprendizaxe.

O Teatro Colón coa colaboración do Padroado de Cultura de Narón, do Centro Coreográfico Galego e da Federación Unión de Comercios Coruñesa pon en marcha Don Juan Tenorio en Feminino, unha acción formativa enfocada a actrices amateurs ou en período de aprendizaxe e posta en marcha por un equipo integrado na súa totalidade por mulleres. Con esta iniciativa queremos continuar traballando no apoio ao teatro afeccionado e na colaboración co noso entorno socioeconómico máis inmediato.

Cantas actrices poderán formar parte desta formación artística? Entre 15 e 20 actrices non profesionais terán a oportunidade de profundar na súa formación en varios obradoiros gratuítos que culminarán o 31 de outubro e o 1 de novembro coa representación no Teatro Colón deste clásico de Zorrilla.

Que requisitos teñen que cumplir as actrices? Tes que ser muller e ter máis de 20 anos. O casting desenvolverase no Teatro Colón mañá sábado 4 de xullo de 10:00 a 14:00, as interesadas deben escribir un correo electrónico a: produccion@teatrocolon.es para que lle asocien un horario e lle faciliten o texto para preparar a proba.  

Anahi Taraburelli, directora de produción do proxecto, sinalou que non se trata dunha acción feminista senón feminina coa que se pretende recuperar a tradición de representar o Don Juan Tenorio na proximidade do Día de Defuntos, apostar pola innovación na posta en escena adaptando as novas linguaxes teatrais ao texto clásico e abrir unha vía de acción e intercambio social "queremos repetir esta experiencia achegándonos e colaborando con distintos colectivos cada ano, neste caso enfocándoo á muller", afirmou. 

Que entidades colaboran no desenvolvemento deste proxecto? Son varias as entidades que fan algún tipo de aportación:

 

  • Centro Coreográfico Galego na parte da creación do movemento escénico e traballo corporal das actrices
  • Federación Unión de Comercio Coruñesa
  • e o Padroado de Cultura de Narón! Que vos imos contar desta entidade nosa! O Padroado conta cunha gran experiencia na formación de actores dende 1985 a través da súa escola de teatro. "O noso concello colabora a nivel da formación e tamén acollerá unha representación do Don Juan Tenorio en feminino", apuntou a concelleira de cultura Marián Ferreiro

 

 

Unha vez pasado o casting as actrices seleccionadas poderán asistir aos cursos que se desenvolverán nos meses de setembro e outubro. 

Ana del Valle será a encargada da dirección de escena da obra: "É un reto para min, unha obra inmortal, un clásico que sempre estará aí e que me marcou de moza nunha das miñas primeiras veces como espectadora". Explicou que a proposta será unha ponte entre a innovación e o clásico, respectando o verso e xogando coa forza dunha obra clásica e coñecida polo público. 

O Teatro Colón continúa buscando apoios para a posta en escena do Don Juan Tenorio e fai un chamamento a aquelas profesionais das artes escénicas que queiran aportar o seu grao de area.