O festival da cultura viaxeira Gulliver Fest que se celebrará do 2 ao 4 de agosto na área recreativa de Pedroso, conta xa cun total de 91 inscritos –das 120 prazas ofertadas-, e dos que dez participarán nas sesións de Pechakucha
O Concello organiza a primeira edición deste evento en colaboración coa asociación FurgoGalicia e a maiores das persoas inscritas para acampar na zona, poderán desfrutar da programación dos tres días todos aqueles que o desexen.
Unha das novidades desta convocatoria, con respecto a outras similares, son as sesións de Pechakucha, intervencións de seis minutos e corenta segundos nas que os asistentes que queiran –e se anotasen previamente a través da web: www.gulliverfest.es- poderán contar en primeira persoa as viaxes que realizaron por diferentes países. Unha das citas da programación será precisamente cun recoñecido viaxeiro, Jorge Sierra, que o sábado día 3 ás 19.00 horas contará a súa experiencia tras percorrer o mundo nun Citroen 2CV, ao que chama Naranjito (pola súa cor laranxa). Este mozo aventureiro realizou a viaxe dende a súa cidade natal, A Coruña, cando tan só tiña 25 anos e estivo conducindo a Naranjito durante catro anos, unha experiencia á que seguiron novas viaxes e que tamén o levou a publicar un libro.
Pero as sesión de Pechakucha do Gulliver Fest comezarán antes de Jorge Sierra, concretamente ás 17.30 horas do sábado, cando se poderán escoitar tamén as vivencias da coñecida Familia Supertrump ou de David Val, entre outras. A Familia Supertrump, dun pequeno pobo de Pontevedra, na localidade de Cotobade, está formada por Susana, Óscar e os seus fillos Darío e Lucía. Xuntos percorreron o Camiño de Santiago, posteriormente a ruta dende Ámsterdam a París e tamén a costa de Portugal para, máis recentemente, dar a volta a Europa en trike –un modelo de bicileta reclinada-. No caso de David Val, tamén galego, de Foz (Lugo), percorreu o mundo en bicicleta, pasando por vinte países durante algo máis dun ano, unha experiencia que tamén plasmou nun libro.
“A alma do Gulliver Fest son precisamente os Pechakucha, unhas propostas a través das que achegamos as historias viaxeiras en primeira persoa a todas aquelas persoas que queiran escoitalas, podendo preguntar o que consideren oportuno aos protagonistas e ofrecendo unha relación máis humana entre os viaxeiros, o que o diferencia de coñecer este tipo de experiencias en redes sociais”, apuntan dende a organización.
As viaxes que se escoitarán nas Pechakucha do 3 de agosto son, xunto coa música, a literatura e a natureza as bases sobre as que se programou este festival da cultura viaxeira.
No apartado musical, actuarán o venres día 2 de agosto as formacións Cachas&Cousins, ás 22.00 horas; La Chata Soul ás 23.30 e The Skárnivals ás 01.30 horas. O sábado día 3 ás 10.00 haberá clases de ioga; ás 12i00 un concerto infantil de Lydia Botana, “De aquí para alá” e ás 13.00 unha sesión vermú, para continuar pola tarde ás 16.00 horas con xogos populares; un obradoiro de chapas a partir das 16.30 e as sesións de Pechakucha dende as 17.30. Xa pola noite serán os concertos de Natural Green -22.00 horas-; The Lákazans -23.30- e Muyayo Rif -01.30-. A última xornada do Gulliver Fest, o domingo día 4, haberá tamén unha sesión vermú ao mediodía e os participantes valorarán a experiencia da súa asistencia a este festival da cultura viaxeira.