NOVAS

Unhas 900 mozas e mozos de centros educativos de Narón participarán nun estudo sobre o acoso escolar nas aulas

Publicado o 07 de Febreiro de 2017

Sabías que as rapazas e rapaces de 6º curso de Primaria e 1º e 2º de Secundaria Obrigatoria de 11 centros educativos de Narón participará nun estudo pioneiro impulsado polo Concello sobre a incidencia do acoso escolar nos centros educativos da localidade, públicos e concertados

 Así se acordou nunha xuntanza mantida pola edil responsable de Educación, Mercedes Taibo, coas directoras e os directores dos centros, e na que acordaron “colaborar neste proxecto, en materia de prevención do acoso nas aulas, coñecendo primeiro a situación real de man do alumnado para a continuación deseñar e aplicar accións concretas para a prevención e loita contra este tipo de feitos que desafortunadamente se rexistran nos centros educativos”, tal e como explicou a concelleira naronesa.

En total, van participar 895 alumnos e alumnas dos colexios Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal e dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos.

En que consiste este estudo?

 

  • Nun cuestionario no que teremos que respostar unha serie de preguntas, entre elas se sabemos o que é o acoso escolar ou “bullying” e definilo, se o padecimos nalgunha ocasión, onde, quen arranxou o conflito e se son habituais no noso centro.
  • As enquisas permitirán coñecer a intensidade do nivel de acoso escolar e tamén analizar posibles factores de risco, identificándoos e axudando á súa prevención. “Nuns tempos como os actuais resulta imprescindible coñecer cal é a situación nas aulas dos centros educativos de Narón, incidindo tamén na percepción que o alumnado ten do acoso escolar, tanto nas aulas como a través das redes sociais, mediante o ciberacoso derivado do mal uso das novas tecnoloxías”, explicou a edil de Ensino.

A previsión de Ensino é que todas as enquisas estean cubertas a finais do vindeiro mes de marzo, para a partir dese momento, indicou Taibo, “tendo en conta os resultados obtidos, adoitar as medidas que se estimen oportunas”. “A colaboración dos centros educativos da localidade, así como dos rapaces e rapazas aos que se destina este proxecto, é imprescidible para avanzar conxuntamente na erradicación do acoso escolar, polo que desde o goberno local non podemos máis que agradecer a súa boa disposición e colaboración”, subliñou Taibo.

 

O Concello de Narón “será pioneiro na elaboración dun estudo propio de acoso escolar e tamén as vantaxas que terá tanto para a cidadanía en xeral, a nivel de información e concienciación de colectivos implicados, como dos centros educativos, que disporán de recursos encamiñados á prevención na materia, no caso de que así o requiran.