NOVAS

Uns 170 escolares do municipio participaron onte en simulacións de evacuacións nunha vivenda e sesións de Primeiros Auxilios programadas na Semana da Mobilidade e Seguridade Vial

Publicado o 25 de Maio de 2016

As actividades do programa da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial do Concello de Narón continuaron desenvolvéndose desde primeira hora da mañá de onte.

O Pazo da Cultura acolleu a primeira das sesións do día: a presentación dos curtos “Eu Narón seguro”, realizados por alumnado de centros escolares do municipio. O “Parking day” coa exposición de traballos de persoal da asociación Nosa Señora de Chamorro instalouse na rúa 25 de Xullo entre as 10.30 e as 12.30 horas e na praza de Galicia estiveron operativos de 10.00 a 13.00 o Parque de Prevención e a Casa de Evacuación da Fundación Mapfre, actividades nas que participaron uns 170 escolares da localidade.

O alcalde, José Manuel Blanco, e os edís de Seguridade Cidadá e Cultura, Guillermo Sánchez Fojo e Marián Ferreiro, visitaron aos asistentes ás actividades desenvolvidas esta mañá na praza de Galicia, donde tamén se habilitou un circuíto de educación vial.

Escolares naroneses atenderon ás explicacións do Equipo de Emerxencias de Narón, baixo unha carpa inchable, sobre Primeiros Auxilios. En grupos reducidos e de dous en dous practicaron con dous bonecos algunhas técnicas básicas de reanimación. Ademais visitaron a Casa de Evacuación cedida pola Fundación Mapfre, na que simulaban un incendio nunha vivenda.

Pola tarde, a edil de Cultura, Marián Ferreiro, presentará o conto “Moucho e Cuquiña” acompañada pola autora do libro, Paula Merlán, e o ilustrador, Antonio Seijas. Neste libro tratase o respecto e coidado do medio ambiente, o coñecemento do entorno e as normas de seguridade viaria.

Ás 19.30 horas, comezará a representación da obra “2021: Unha odisea na terra”, escrita e dirixida polo naronés José Prieto e na que colaborou o equipo de Seguridade Vial do Concello.

O Parque de Prevención e a Casa de Evacuación da Fundación Mapfre permanecerán instalados na praza de Galicia durante a tarde, de 17.00 a 20.00 horas e na praza da Gándara desenvolveranse actividades do “Parking day”, ocupando espazos reservados para vehículos e destinándoos temporalmente a actividades. "Vive a coral”, a cargo de Miriam Fernández, do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, e “Mesturas, pinta ao aire libre”, impartido por María del Carmen Sendón, son os talleres convocados para esta tarde.

O programa previsto para mañá comezará ás 8.00 horas, coa actividade “Almorzo na rúa”. As persoas que acudan a traballar ao Concello ou ao colexio camiñando ou en bicicleta recibirán un ticket co que poderán tomar de balde café ou chocolate no propio Concello ou nas inmediacións dos centros de ensino de Narón, donde se habilitarán varios postos, ata as 9.10 horas.

Ás 8.00 horas comezarán a patrullar as rúas da cidade en bicicleta dous axentes da Policía Local de Narón, iniciativa que conta coa colaboración do Concello de Coruña, que cederá un día as bicicletas.

A programación da mañá continuará entre as 10.00 e as 12.30 horas na rúa 25 de Xullo, co “Parking day” de “Biblioteca na rúa”; ás 10.30 horas sucederanse nas escolas infantís de Narón os contacontos da obra “Moucho e Cuquiña”. O parque de Prevención da Fundación Mapfre e a Casa de Evacuación poderán visitarse de novo mañá na praza de Galicia de 10.00 a 13.00 horas e desde as 17.00 ata as 20.00 horas.

Pola tarde programáronse varias actividades: : “Bordado a man en bastidor”; “Bailando na rúa”; Contacontos “Moucho e Cuquiña” e “Zumba´ndo”. As actividades son de balde e as tres últimas estarán abertas á participación do público en xeral.