NOVAS

Uns 2.000 escolares de centros de ensino de Narón e comarca asistirán esta semana ás funcións da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil”

Publicado o 16 de Outubro de 2019

Un total de 1.929 escolares de Narón e comarca acudirán esta semana ás representacións da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” que comezou esta mañá no Pazo da Cultura.

Do total de alumnas e alumnos 683 de quinto e sexto curso de Primaria e de primeiro e segundo da ESO dos colexios da Solaina, Santiago Apóstol, O Feal, Jorge Juan e do IES Terra de Trasancos, de Narón, e dos centros O Ramo e A Xunqueira, de Fene, Santiago Apóstol, de Mugardos e Eladia Mariño, de Pontedeume, acudiron hoxe á representación da obra “Lázaro de Tormes”, a cargo da compañía galega Pedras de Cartón e cuxas funcións tiveron lugar ás 10.00 e ás 12.00 horas. Nesta edición da Mostra dende o Padroado da Cultura de Narón, presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, apostouse unha vez máis por “difundir o traballo que se está realizando en Galicia no ámbito cultural, e concretamente neste caso no teatro e a través das cinco compañías que participan este ano na Mostra”.

A mesma compañía teatral representará a citada obra mañá xoves –nos mesmos horarios- para alumnado de primeiro e segundo curso da ESO do IES As Telleiras e do colexio do Feal e para escolares de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo de ESO dos centros Santiago Apóstol e Ayala, tamén de Narón, e do IES Breamo, de Pontedeume. Así mesmo, o venres poderán ver a citada obra alumnas e alumnos de quinto e sexto de Primaria dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, e Virxe do Mar, de Narón; San Isidro e Maciñeira, de Neda; Juan de Lángara, Isaac Peral, Ponzos e Manuel Masdías, de Ferrol; Unión Mugardesa, de Mugardos e A Xunqueira, de Fene.

As funcións da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” do Padroado da Cultura de Narón continuarán a vindeira semana, a cargo da compañía Elefante Elegante, que se subirá ao escenario para representar a obra “Patapatúm”. Será os días 22, 23 e 24 no Pazo, ata donde se desprazarán un total de 2.393 alumnas e alumnos de primeiro a cuarto curso de Primaria de colexios de Narón e doutros concellos da comarca. Nas xornadas do 29 e 30 deste mes será o turno, tamén no Pazo da Cultura, de 1.145 alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato, que poderán ver a obra “Os fillos do sol”, da compañía Contraproducións.

As representacións da Mostra trasladaranse ao Auditorio municipal, na Praza de Galicia, os días 5, 6 e 7 de novembro, cando actuará a compañía Ghazafelhos, que representará “Acuario” para 1.773 menores de educación Infantil, tamén de centros de Narón e comarca. 

Finalmente o Padroado da Cultura programou para o mes de decembro, os días 10, 11, 12 e 13, as representacións previstas nas tres escolas infantís municipais –A Solaina, A Gándara e Piñeiros-, e na unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol de Narón. Neste caso será o turno de Caramuxo Teatro, que representará nos propios centros a obra “Redondo”.

A Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais colaboran nesta Mostra na que actuarán cinco compañías. Os escolares de Narón pagan dous euros en concepto da entrada dos espectáculos, mentres que o Concello abona os gastos derivados do desprazamentos dos escolares en autobús dende os centros ao Pazo da Cultura ou o Auditorio Municipal, según o caso.