O programa Camiño Escolar Seguro iniciouse esta mañá no colexio da Solaina. Os edís de Seguridade Viaria, Guillermo Sánchez Fojo, e Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse ata o citado centro educativo da cidade minutos antes do inicio das clases para comprobar o funcionamento do programa neste centro no primeiro día.
“Unha vez máis atopámonos con que esta iniciativa funciona cun rotundo éxito entre o alumnado, que nada máis chegar ao centro realiza o check point nos puntos habilitados, no caso da Solaina tres, un en cada unha das entradas do colexio”, explicou Sánchez Fojo.
Do total dos 463 alumnos e alumnas do citado centro, 390 están xa anotados neste programa, o que supón que adquiriron o compromiso de acudir a pé, en bicicleta ou en patinete ao colexio polas rutas escolares deseñadas polo equipo de Educación Viaria do Concello, nesta ocasión en colaboración con persoal da Asociación ASCM, tal e como apuntaron os edís. As pegadas marcan o camiño ao centro desde a estrada de Castela, desde a zona de Santa Icía e tamén polas inmediacións da Pista Verde da Solaina, podendo elixir o alumnado a que mellor se adecúe ás súas necesidades en función do domicilio.
O programa Camiño Escolar Seguro funciona xa nos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros e Jorge Juan, donde obtivo tamén unha moi boa resposta entre a comunidade escolar, tal e como recordaban hoxe os representantes da corporación local. “O obxectivo deste programa é fomentar a autonomía dos nenos e nenas de Primaria para ir ao colexio, garantindo a súa seguridade e mantendo informados putualmente aos pais e nais do momento no que acceden ao recinto a través dunha mensaxe ao seu teléfono móbil”, recordou Taibo. O premio final son os agasallos que poderán canxear polas “pegadas” do check point unha vez acumulen os puntos solicitados en función dos mesmos, doados por establecementos comerciais da cidade e tamén polo propio Concello.