NOVAS

VIII Trofeo Cidade de Narón de fútbol sala

Publicado o 21 de Agosto de 2015

O pavillón polideportivo da Gándara acollerá o vindeiro 22 de setembro a oitava edición do Trofeo Cidade de Narón de fútbol sala, onde a selección nacional de Vietnam xogará contra o Cidade de Narón.

O seleccionador nacional de Vietnam, Bruno García –veciño do municipio naronés-, e o presidente e o director deportivo do Cidade de Narón Futsal, José Ramón Padín e Tomás Llao, respectivamente, presentaron onte este encontro co concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero.

O edil de Deportes naronés e os representantes do clube local agradeceron a asistencia de García e felicitárono polos seus éxitos profesionais. “Temos a oportunidade de ter por Narón estes días ao seleccionador nacional de Vietnam, ao que felicitamos polos seus éxitos deportivos, e é unha satisfacción poder contar coa súa presenza na presentación deste torneo que se disputará na localidade en pouco máis dun mes”, apuntou o edil de Deportes.

Padín explicou que a estancia dos integrantes da selección nacional de Vietnam na localidade non se limitará á data deste torneo, senón que será do 18 ao 28 de setembro, período no que disputará varios partidos con outros equipos pero sempre mantendo a “sede” en Narón. Así mesmo, Tomás Llao amosou a súa confianza en que co tempo o seleccionador nacional de Vietnam “regrese a España e que o Cidade de  Narón estea en Primeira e el forme parte do noso corpo técnico”.

Pola súa banda, Bruno García agradeceu no seu propio nome e no da selección nacional de Vietnam a boa acollida recibida e valorou o “entorno idílico”, dixo, no que poderán prepararse os integrantes do equipo durante a súa estancia na localidade, en setembro, así como a colaboración prestada tanto polo Concello de Narón como polo Club Cidade de Narón. “Imos xogar con varios equipos: Santiago Futsal, Cidade de Narón, O Parrulo, e tamén contra un de Burela e outro de Vilalba, que nos permitirán dar un salto en calidade á hora de preparar este torneo”, asegurou. 

García incidiu na importancia de apoiar “este novo proxecto de Segunda división, ao ser o primeiro ano que se afrontará unha liga nesa categoría e subliñou as oportunidades que pode ter “nun Concello que está crecendo tanto como Narón, que pode seguir medrando co fútbol sala, que vos está dando moitas alegrías e permitirá levar o nome de Narón por todas as canchas históricas deste deporte en España”.

O edil de Deportes de Narón e os representantes do clube local fixeron un chamamento á veciñanza da comarca en xeral e aos afeccionados ao fútbol sala en particular para que asistan a esta cita deportiva o vindeiro 22 de setembro.