NOVAS

Xa está en marcha a Campaña de Recollida de Xoguetes Nadal 2016

Publicado o 05 de Decembro de 2016

O Centro de Recursos Solidarios de Narón iniciou a semana pasada a campaña de recollida de xoguetes do Nadal.

A concelleira de Acción Social, Catalina García estivo acompañada na rolda de prensa de presentación polo presidente e o secretario da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González e Alberto Pereira, respectivamente, e por Pedro Caneiro, integrante do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.

O presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón agradeceu a colaboración do Concello un ano máis nesta proposta e subliñou a importancia de entregar xoguetes “usados pero que se poidan reutilizar, e non os que estean rotos ou aos que lles falten pezas”. A entrega dos xoguetes terá lugar o día 4 de xaneiro, a partir das 16.30 horas e ata as 20.00, na nave do Centro de Recursos Solidarios, na parcela 23 da avenida Gonzalo Navarro, no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón, apuntou García.

Como podes colaborar?

As persoas interesadas en colaborar poden facelo ata o 23 de decembro, depositando os artículos doados  (ollo! tamén se precisa papel de regalo) en:

 

  • Biblioteca Municipal: De luns a venres de 9.30 e 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
  • Escolas infantís municipais da Solaina, Piñeiros e A Gándara.
  • Academia September: en Xuvia.
  • VIII Xornada Moteira Solidaria de Fojeteiros: Na Praza de Galicia o 17 de decembro, día no que tamén se recollerán alimentos non perecedeiros e roupa.
  • Centro de Recursos Solidarios de Narón: os luns, martes, xoves e venres de 9.30 a 13.30 horas e os mércores de 16.30 a 20.00 horas.

As persoas que desexen colaborar na selección por idades e no empaquetado dos xoguetes deben anotarse nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón ou na primeira planta do Concello para organizar as quendas.

 

Precisas xoguetes para as túas fillas e fillos?

As familias con escasos recursos económicos que precisen xoguetes para os seus fillos e fillas menores este Nadal xa poden anotarse no Rexistro do Concello de Narón, hai un modelo de solicitude específico para esta campaña, e entregar:

 

  1. Unha fotocopia do DNI do solicitante e outro da persoa que vaia recoller o agasallo.
  2. Unha fotocopia do libro de familia no que apareza inscrito o menor ou os menores para os que se solicitan os xoguetes.
  3. Un xustificante das prestacións recibidas. 

 

No caso de que esa documentación figure xa nos rexistros do Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón non será preciso entregala de novo.

Campaña de recolida de bicicletas

Pedro Caneiro, integrante do equipo de Educación Viaria do Concello, recordou que se mantén operativa ata o 22 de decembro a campaña de recollida de bicicletas de segunda man, que se repararán para doar tamén ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

As persoas que poidan colaborar deben entregar as bicicletas:

 

  1. Nos colexios do municipio.
  2. Na oficina de Educación Vial do Concello, na planta baixa. 

 

No caso de ser unha cantidade importante, poderase comunicar na citada oficina municipal, desde donde se ofrecen para recollelas. Caneiro recordou tamén que se poden doar bicicletas estáticas para participar nun programa que impulsa o colexio Jorge Juan de Narón.

Finalmente, García valorou tamén a renovación da colaboración das empresas Ortegal Oil e Hidrocarburos del Noroeste SA (Grupo Capela), co Centro de Recursos Solidarios, doando 500 e 300 euros respectivamente, en combustible para as citadas instalacións. “Con estes cartos financiamos os gastos derivados da recollida e distribución de materiais do Centro de Recursos Solidarios de Narón”, explicou a concelleira naronesa, que agradeceu calquera posible colaboración para este tipo de fins solidarios.