NOVAS

A “XI Concentración Moteira Cidade de Narón” arranca mañá no paseo marítimo de Xuvia

Publicado o 02 de Xuño de 2016

Milleiros de afeccionados ao motociclismo daranse cita esta fin de semana no paseo marítimo de Xuvia, donde se celebrará a undécima edición da “Concentración Moteira Cidade de Narón” e a sexta das Xornadas de Turismo Activo.

O Concello de Narón colabora co Motoclub Fojeteiros na organización deste evento, que arrancará mañá ás 18.00 horas coa apertura de inscricións, un mercadillo moteiro e varias atraccións infantís na zona do paseo de Xuvia. Baixo unha carpa servirase a partir das 21.00 horas unha cea a base de callos á galega e ás 22.00 horas comezará un concerto a cargo dos grupos La Banda de Nash, Zentholos e Riff-Raff.

O programa continuarase desenvolvendo o sábado, a partir das 10.30 horas, cando se abrirán de novo as inscricións e comezará o mercadillo moteiro, no que se venderán unha gran variedade de produtos. Os moteiros partirán ás 11.00 en dirección a Cedeira e San Andrés de Teixido e ás 14.00 horas comerán paella e pizza na área recreativa do Castro, no concello de Cerdido antes de regresar novamente ao paseo de Xuvia, donde ás 16.00 terá lugar unha concentración moteira. A organización programou unha exhibición de trial ás 17.00 horas, na que participarán Víctor Ares e Jorge Muñiz. Será de novo baixo unha carpa en Xuvia donde se celebrará unha cea a base de churrasco e criollos e onde se entregarán os trofeos aos participantes. O tradicional desfile de antorchas pola estrada de Castela dará comezo ás 23.30 horas pero media hora antes a organización repartirá bandeirolas polo tramo para que a veciñanza anime o percorrido. Xa de madrugada, á 01.00 haberá unha gran festa moteira, con Dreamers Dj´s.

A convocatoria rematará o domingo día 5. Os moteiros almorzarán sobre as 10.00 baixo a carpa para unha hora despois participar nunha ruta mototurística pola costa ferrolá. Regresarán á carpa sobre as 14.30 horas para xantar un menú con langostinos á prancha e xamón escaldado e ás 15.00 horas sortearanse agasallos entre os participantes. A clausura do evento será ás 16.30 horas

O acceso á carpa será polas rúas Juan XXIII e Marcial Calvo e habilitarase un espazo para aparcar as motos xunto á pista polideportiva, se ben os coches terán que estacionar nunha parcela localizada fronte á iglesia de Santa Rita (onde habitualmente se instalan as atraccións durante as festas desta parroquia).

O evento terá un ano máis un marcado carácter solidario, xa que se recollerán tapóns para “Alba La Promesa”, unha iniciativa que impulsan na zona familiares naroneses de Albaunha nena cunha lesión cerebral dexenerativa, para paliar os gastos do seu tratamento.