NOVAS

XI Encontro Escolar de Xogos Tradicionais

Publicado o 25 de Abril de 2017

O Padroado da Cultura de Narón e a Asociación Brinquedia (Rede Galega do Xogo Tradicional) organizan o XI Encontro Escolar de Xogos Tradicionais, dirixido ao alumnado dos centros educativos públicos e concertados e centros de ensino non universitario de Galicia.

A vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a iniciativa xunto co secretario de Brinquedia, Iván Montes, e con Xabier López e Alberto Casal, coordinador de voluntariado e colaborador, respectivamente, da citada asociación. O encontro terá lugar o sábado 27 de maio nas instalacións do colexio do Feal, en horario de 11.00 a 18.00 horas.

Ferreiro destacou a importancia deste tipo de propostas, xa que contribúen a difundir o patrimonio lúdico galego entre a cidaddanía e a recuperar una gran variedade de xogos tradicionais, ao tempo que fomentan unha relación entre alumnado, profesorado e as familias que participan. Os representantes de Brinquedia e a vicepresidenta do Padroado da Cultura animaron á cidadanía a implicarse nesta convocatoria, participando activamente nos xogos programados para esta nova edición do “Encontro Escolar de Xogos Tradicionais”. 

O secretario de Brinquedia explicou que os xogos da mañá están máis pensados para o público infantil, se ben pola tarde haberá máis presencia dos dirixidos aos adultos, aínda que tamén poderá participar o alumnado”. Carreiras de sacos, zancos, chapas, arrastraboias, corda, ra, brilé, peón, pano, tres pés e carrilanas forman parte da trintena de xogos cos que poderán gozar os asistentes á convocatoria.

Persoal voluntario dos Centros de Formación Profesional Ferrolterra, de Ferrol, e do Ángel Casal da Coruña dirixirán os xogos que terán lugar en horario de mañá.

  • Ás 14:00 horas haberá un descanso para xantar.
  • A partir das 15:30 horas, terá lugar o espectáculo teatral dirixido para os peuquenos e para as familias. A obra Paporrubio  a cargo da compañía que leva o mesmo nome.
  • A continuación, darán comezo as exhibicións de billarda, loita galega, cocha, chaves, lanzamento de goxo e birlos celtas e tamén os obradoiros de construción de enredos.
  • Sobre as 18.00 horas está previsto o remate do Encontro, coa entrega de agasallos aos participantes.

As persoas que desexen participar poderán inscribirse a través dos centros educativos ata o vindeiro 11 de maio. Para obter máis información pódese consultar a páxina web: http://brinquedia.net.