NOVAS

XI Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias: "Interactuando no tempo libre"

Publicado o 23 de Outubro de 2017

Os vindeiros 3, 4 e 5 de novembro temos unha cita no Albergue Xuvenil de Gandarío, no Concello de Bergondo, en A Coruña nestas xornadas organizadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

  1. "Interactuando no tempo libre" ten como reto de avanzar no consenso de cara á elaboración do Decreto de desenvolvemento da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de Xuventude de Galicia.  Esta edición é un espazo de avance de cara a pechar participadamente un borrador de Decreto e como encontro aberto para ir anticipando, debatendo, imaxinando e construíndo horizontes novos.

O obxectivo último é o de crear un espazo de reflexión e debate entre os profesionais do sector acerca da importancia da educación non formal como acción educativa e transformadora no eido do tempo libre, a través dunha metodoloxía activa e participativa.

Que imos atopar en Interactuando?

  • Un foro para intercambiar as nosas experiencias e actualizar os nosos coñecementos.
  • Unha fin de semana para reflexionar e vivir o tempo de lecer en chave educativa.
  • Un espazo de encontro e convivencia, no que coñecer outros xeitos de traballar.
  • Un tempo para crear tecido entre asociacións e profesionais.
  • Un espazo para formarnos e aprender.

En resume, os obxectivos destas 3 xornadas son...

  1. Dar a oportunidade de encontrarse e de establecer contactos.
  2. Promover o diálogo entre todas as persoas que traballan neste ámbito.

A quen vai dirixido? 

  • Monitores/as e directores/as de actividades de educación no tempo libre.
  • Técnicos/as de xuventude e dinamizadores/as xuvenís.
  • Profesionais do ámbito (animadores/as socioculturais, educadores/as sociais, pedagogos/as, dinamizadores/as de actividades de educación no tempo libre).

  • Membros de asociacións xuvenís, grupos informais que realicen actividades de educación no tempo libre e voluntarios/as.

Estas xornadas organízanse en Faladoiros. Os faladoiros serán sobre os seguintes temas:

  1. Formación e escolas de educación no tempo libre: están as escolas de tempo libre cumprindo a súa función? Que formación precisamos? Como debe ser esa formación? Formación por competencias. Futuro das ETL
  2. Emprego no tempo libre: Profesionais de actividades de educación no tempo libre. Relación entre empresas, monitores, escolas e administración.
  3. Campamentos e instalacións xuvenís: En instalacións xuvenís fixas ou móbiles, os campamentos de verán son un dos alicerces da educación no tempo libre en Galicia.
  4. Educación no tempo libre: Entreter? Educar? Aprender xogando? Educación global? Valores transversais e aprendizaxe hoxe en Galicia.

O número máximo de participantes por faladoiro é de 25. Cando se realice a inscrición cómpre indicar a preferencia do faladoiro no que se desexa participar.

 

Se estás interesada ou interesado, podes inscribirte e consultar a información completa nesta ligazón.