NOVAS

XVIII Oenach Atlántico de Sedes

Publicado o 28 de Xullo de 2016

O recinto feiral do Trece acollerá esta fin de semana, do 29 ao 31, a décimo oitava edición do Oenach Atlántico de Sedes.

Durante tres días nesta parroquia naronesa desenvolveranse unha gran variedade de actividades artesanais, teatrais e deportivas, entre outras, e non faltarán tampouco os concertos e o baile, así como un mercadiño artesán.

A programación abrirase este venres:

  • Ás 21.00 horas: Recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial nas pallozas da Aldea Castrexa,  onde un prendido de lume e a lectura dun texto darán por inaugurada esta edición do Oenach.
  • Ás 22.00 horas: Comezará a actuación das cantareiras e pandereteiras galegas Leilía, incluída na Noite de Música Galiciana.

O sábado día 30:

  • A partir das 11.00 horas: Apertura da Campa castrexa, na que veciños e visitantes poderán ver un mercadiño artesán, cunha trintena de postos nos que se venderán diferentes produtos; unha mostra da artesanía de Luthieres a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos; artesanía en vivo e obradoiros didácticos (sobre construción de vivenda, tecido, cociñado castrexo, photocall castrexo e animación teatral).
  • A partir das 14.00 horas: Dará comezo o Oenach Gastronómico, cunha zona propia de comidas con grellados, forneados e doces. Posteriormente haberá un descanso para a comida.
  • A partir das 18.00 horas: Iniciaranse unha serie de xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais, cunha mostra de loita galega.
  • Ás 17.00 horas: Será o turno da compañía teatral Os Ghazafelhos, que representará a obra “Contos para escagarriñarse”.
  • Ás 19.00 horas: Chegará a música da man do grupo de Música e Danza Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura do Concello de Narón.
  • A partir das 22.30 horas: O Castro de Eiravedra será a ubicación idónea para celebrar un ano máis a tradicional Noite do castro. Os protagonistas serán, nesta ocasión, os veciños e veciñas que integran a Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que estrearán a obra “O Paxaro de Eiravedra”, un texto elaborado e ensaiado a través das Escolas de Teatro do Padroado da Cultura de Narón.
  • Ás 00:30 horas: Concerto do grupo Böj, que pechará a programación prevista para a xornada do sábado.

 

  1. Durante todo o sábado e domingo: Acotarase unha zona lúdica para que os asistentes, tanto nenos e nenas como maiores, participen nunha gran variedade de xogos. 

Durante o domingo:

  • Ás 11.00 horas: Apertura da Campa castrexa, onde se poderá ver de novo o mercadiño artesán, a mostra de artesanía de Luthieres a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos, artesanía en vivo e os obradoiros celebrados na xornada do sábado. 
  • Ás 12.00 horas: Mostra e exhibición de raza canina a cargo do Club de Raza Can de Palleiro.
  • Ás 13.00 horas: Voltará a Sedes o teatro, nesta ocasión cunha recreación na campa castrexa que protagonizarán novamente os integrantes da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, da que forman parte unha trintena de persoas.
  • A partir das 14:00 horas: Os asistentes poderán degustar de novo os menús do Oenach Gastronómico.
  • Desde as 17.00 horas: Haberá unha exhibición de Xogos populares e Deporte rural.
  • Ás 19:00 horas: Carreira popular na que poderán participar persoas de diferentes idades, se ben é preciso inscribirse, de balde, no propio recinto do Trece, ata media hora antes de iniciarse. Haberá categorías masculina e feminina ata 8 anos; ata 13, e absoluta, habilitándose circuítos para as infantís e un tramo de cinco quilómetros para a absoluta, que discorrerá entre a Feira do Trece e o Castro de Eiravedra. 
  • Sobre as 20:30 horas: Finalizadas as probas deportivas, entregaranse os trofeos (un total de dezaoito), e clausurará este “XVIII Oenach Atlántico de Sedes” a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón.

A organización da convocatoria corresponde ao Padroado da Cultura, á Concellería de Turismo e á Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes, que animan á veciñanza a desprazarse esta fin de semana a Sedes para gozar da variada oferta deseñada para celebrar esta convocatoria, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

A edición deste ano conta coa colaboración, entre outras, da Axencia de Turismo de Galicia e de Abanca.