NOVAS

XXXIV Trofeo de Fútbol afeccionado Cidade de Narón: 9-13 de agosto

Publicado o 04 de Agosto de 2016

Amigas e amigos de Dameuntoke que seguides a actualidade do deporte do fútbol: aquí tedes unha boa nova!

Despois de cinco anos de ausencia na axenda deportiva do municipio, o Concello de Narón recupera un dos seus torneos máis senlleiros, o Trofeo de Fútbol afeccionado Cidade de Narón, unha cita que non se celebraba desde 2011 e que entre o 9 e o 13 de agosto alcanzará a súa trixésimo cuarta edición. 

O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou hoxe 4 de agosto o calendario desta competición. Estiveron con el o responsable da Delegación Territorial de Ferrol da Federación Galega, Manolo Mesa, e os representantes dos catro clubes do concello que participarán no torneo:

 

  • Nicolás Manso (presidente do San Mateo CF).
  • Alberto Pena (presidente do CF Estrella).
  • César Fraga (vice-secretario da SD O Val).
  • E Jorge Leira (vice-presidente do CD Narón). 

 

O edil quixo destacar a implicación das catro entidades e da Delegación Ferrolá de Fútbol na organización dun dos eventos deportivos de referencia da cidade que se retoma logo dunha paréntese de cinco anos.

 

  • O torneo comeza o martes 9 de agosto coa primeira semifinal, a que disputarán o Club Deportivo Narón e o Club de Fútbol Estrella no campo do Cadaval ás 20.30 horas.
  • O día seguinte, mércores 10, será a quenda do Club San Mateo e a Sociedade Deportiva O Val, que dirimirán o segundo finalista no campo do San Mateo a partir das 19.30 horas.
  • O partido polo terceiro posto e mais a final terán lugar o sábado 13 no Estadio Municipal de Río Seco. O primeiro encontro disputarase ás 18.00 horas e o segundo e definitivo, ás 20.00 horas. 

 

O concelleiro de Deportes animou á veciñanza de Narón e comarca a asistir aos partidos. A entrada é de balde, así que non podemos faltar á nosa “festa do fútbol”! 

Pero ollo...as persoas que fan deporte saben que despois dun gran esforzo hai que repoñer forzas! Así que... As persoas interesadas poderán gozar tamén no mesmo Estadio de Río Seco dunha churrascada, a prezos populares, que terá lugar ao remate da final e da entrega de trofeos e que está enfocada a estreitar os lazos de convivencia que unen aos catro clubes participantes.