NOVAS

Aberto o prazo de inscrición en oito cursos do programa Cemit e un taller xuvenil do Amtega que se impartirán en Xuvia

Publicado o 28 de Agosto de 2018

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo de inscrición en oito cursos a través da plataforma Cemit

En total ofértanse sesións de Busca de emprego en internet; Internet e correo electrónico; Tratamento de textos; Follas de cálculo; Bases de datos; Presentacións gráficas; Iniciación á contabilidade e facturación Presentacións dixitais eficaces. Hermida recordou que poderán asistir un máximo de doce persoas por curso.

 

  1. O curso de Busca de emprego en internet (48 horas) impartirase do 17 de setembro ao 2 de outubro; o de Internet e correo electrónico (30 horas)será do 3 ao 15 de outubro; o de Tratamento de textos (50 horas) do 16 de outubro ao 2 de novembro: o de Follas de cálculo (50 horas) do 5 ao 21 de novembro; o de Bases de datos (40 horas) do 22 de novembro ao 7 de decembro, e o de Presentacións gráficas (30 horas) do 10 ao 19 de decembro. 
    Estes cursos desenvolveranse en horario de mañá, entre as 9.30 e as 13.30 horas.
  2. En horario de tarde , de 16.00 a 20.00 serán os de Iniciación á contabilidade e facturación (200 horas) do 17 de setembro ao 28 de novembro, e Presentacións dixitais eficaces (48 horas), do 29 de novembro ao 17 de decembro. 

 

No último cuadrimestre do ano ofertaremos case cincocentas horas de formación na Aula Cemit, cun custe que ronda os 7.000 euros a través do Programa municipal de Formación en Novas Tecnoloxías, financiado integramente polo Concello e que contempla unha previsión de 2.100 horas ao ano”, recalcou Hermida.

As persoas que desexen anotarse deberán:

 

  • Darse de alta na web Cemit.
  • A continuación, acceder á url do centro Cemit Narón: https://cemit.xunta.gal/es/centro/48 , onde poderán ver tódalas actividades que se desenvolverán no centro localizado en Xuvia e reservar praza. 

 

Así mesmo, Hermida recordou que dende onte a Aula Cemit de Xuvia volve a estar aberta, de 11.30 a 13.30 horas, co que tamén se poderá solicitar nas instalacións axuda para realizar os trámites oportunos e facer a inscrición nos citados cursos.

A través deste mesmo sistema, apuntou a edil de Novas Tecnoloxías, poderase solicitar a participación no taller xuvenil Crea o teu personaxe de videoxogo ou película, impulsado a través da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) na Aula Cemit de Xuvia. A convocatoria, que se dirixe a rapazas e rapaces de 14 a 18 anos, terá lugar o vindeiro 14 de setembro en horario de tarde, de 15.00 a 21.00 e a participación está limitada a un máximo de quince persoas.