O curso consta de 400 horas lectivas e ofértanse un total de quince prazas dirixidas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou que o Concello mantén aberto o prazo de inscrición, ata o vindeiro 5 de outubro ás 13.30 horas, nun curso de “Instalación de parqué e tarima, lixado e vernizado”, do Programa municipal de Formación. A edila indicou que se ofertan un total de quince prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Esta acción formativa diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, que non deben ter concedido outro curso do programa de formación municipal coincidente temporalmente na realización.
O curso consta dun total de 400 horas e está previsto impartilo do 13 de outubro ao 23 de decembro nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.O horario previsto serían oito horas diarias, de luns a venres de 7.00 a 15.00 horas na aula, e as prácticas en empresa realizaranse no horario que se determine, tamén durante oito horas diarias (ata completar as 100 incluídas no cómputo total das 400 do curso).
O alumnado abordará temas como Prevención de riscos laborais e ambientais específicos do sector; Equipos e medios de aplicación de vernices e lacas; Tipos de chans de madeira e derivados, características, materiais e usos; Complementos (rastreis, illamento, fixación, ferraxes…); Lixado: finalidade e técnicas; Lixas: tipos, características, parámetros de desgaste, etc.
As inscricións poden presentarse no Rexistro do Concello (hoxe de 8.30 a 13.00 e dende mañá ata o 5 de outubro de 8.30 a 13.30 horas), na Sede Electrónica de Narón ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse á páxina web do Concello (www.naron.es, no apartado de Formación) ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).