NOVAS

Aberto o prazo de inscrición nun curso de Prevención de Riscos Laborais nos traballos en altura e nos espazos confinados

Publicado o 05 de Agosto de 2020

O curso impartirase entre os días 17 e 25 de agosto

O Concello de Narón abriu este luns, día 3 de agosto, o prazo de inscrición nun curso de 'Prevención de Riscos Laborais nos traballos en altura e nos espazos confinados' que se impartirá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Os contidos incluirán formación en sensibilización medioambiental e perspectiva de xénero e tres charlas relacionadas coa empregabilidade no sector naval, a implementación das medidas de prevención e a revisión dos EPIs e o seu mantemento. Ademais, realizarase unha visita didáctica.

As horas de formación totais serán 28 (16 horas de Prevención de Riscos Laborais e 12 horas de módulos adicionais) e as datas previstas para a súa impartición serán do 17 ao 25 de agosto de 2020 en horario de tarde (15.30 a 19.30 horas) de luns a venres. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou que haberá un total de 15 prazas, destinadas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón que non deben ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación coincidente temporalmente na realización.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Narón, e se entregarán no 1º andar do concello, entrada pola Praza de Galicia, así mesmo a través da Sede Electrónica, e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O plazo de presentación das solicitudes rematará ás 13.00 horas do día 10 de agosto.